Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os letrados denuncian que Xustiza non quere negociar unha saída á folga

Os letrados denuncian que Xustiza non quere negociar unha saída á folga

Nunha entrevista na Radio Galega, a letrada do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Pilar Cancela, critica que despois de sete semanas de folga o Ministerio de Xustiza non presentou aínda ningunha proposta concreta de negociación

Os letrados pretenden que se fagan efectivos os acordos aos que chegaron co ministerio en abril de 2022 e que incluían a cláusula de enganche, unha fórmula de equiparación entre o salario dos letrados e o dos xuíces. Para o ministerio, a aceptación desta cláusula suporía un aumento de soldo inasumible de 1.100 euros ao mes

G24.gal 09/03/2023 10:02

Os letrados da administración de Xustiza maniféstanse esta mañá en Madrid despois de sete semanas de folga en demanda das súas reivindicacións laborais.

Nunha entrevista na Radio Galega, a letrada do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Pilar Cancela critica que o ministerio de Xustiza non presentou aínda ningunha proposta concreta de negociación e se nega a avanzar no diálogo cos representantes dos letrados. 

"Nin sequera chegamos a un momento en que se poidan poñer os números sobre a mesa. Co cal, as contas que están facendo públicas son as propias do ministerio de Xustiza, sen que nós as poidamos contrastar"

"Non están dispostos a negociar. A nosa vocación é a da negociación e á de chegar a un acordo. Porén, a actitude o ministerio é dunha teimuda negación. Non adoptou ningunha medida nin propuxo ningún acordo que poida ser negociado ou asumido polos letrados da administración de xustiza"

Os letrados esíxenlle ao ministerio que faga efectivos os acordos aos que chegaron en abril do ano pasado. Uns acordos que incluían aumentos salariais que compensaban as novas responsabilidades que este corpo de funcionarios xudiciais viña asumindo a partir das reformas lexislativas da Administración de Xustiza dos últimos vinte anos. En concreto, os letrados piden que se aplique a cláusula de enganche, unha fórmula que equipararía o soldo dos letrados co 85 % do dos xuíces. Para o ministerio, a aceptación desta cláusula suporía un aumento inasumible  de soldo de 1.100 euros ao mes para os letrados. 

"A única postura que mantivo o ministerio ata agora é a de negar que exista un conflito colectivo, encabezar unha campaña de desprestixio cara ao noso colectivo e dun enfrontamento co resto dos operadores xurídicos"

A letrada Pilar Cancela asegura que os letrados propuxéronlle ao ministerio que as negociacións se fixesen a través dun mediador, pero non obtiveron resposta.

"Nós pedímoslle ao Ministerio de Xustiza que acepte unha mediación e, de feito, propuxémoslle xa mediadores. Nós o que queremos é chegar a un acordo"

Despois de sete semanas de folga, os letrados  calculan que nos xulgados españois hai máis de 350.000 demandas paradas á espera de repartir e 267.000 xuízos suspendidos.

"As maiores dificultades estanse notando na xurisdición social, que xa é de seu unha xurisdición lenta, onde se nota moito. Tamén na civil, onde se están suspendendo a maioría dos xuízos"  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade