Os incendios obrigan a seguir evacuando poboacións en Grecia
Na fin de semana houbo un desprazamento masivo de 19.000 veciños e turistas en Rhodas, onde se rexistra o incendio máis grande
O lume devasta tamén a illa de Corfú, onde desaloxaron xa 2.500 persoas
A longa vaga de calor, con temperaturas de máis de 40 graos, e os fortes ventos dificultan a extinción
Os incendios seguen devastando Grecia. En Rodas foron evacuadas unhas vinte mil persoas desde o sábado. E esta madugada houbo que iniciar desaloxos noutras dúas illas.
O perfil dunha longa lingua de lume e fume acosa a veciños e turistas da illa de Corfú. Un 2.500 foron desaloxados esta noite das zonas máis próximas ao incendio.
E iniciáronse tamén as evacuacións na illa de Evia. Desde que comezou esta vaga de incendios hai case unha semana, as autoridades gregas din que son xa 30.000 as persoas que tiveron que ser desprazadas a lugares más seguros.
A maioría dos desprazamentos foron en Rhodas, onde unha cuña de lume de dez quilómetros de longo que atravesa a illa case de lado a lado segue fóra de control.
A devastación é evidente xa nunha grande área da costa leste.
Os desprazados están acollidos noutras localidades do norte da illa e moitos turistas amoréanse no aeroporto buscando a maneira de volver aos seus lugares de orixe.
Durante a espera reviven a tensión da evacuación que algúns tiveron que facer in extremis por mar desde as praias porque as estradas xa estaban cortadas polo incendio.
Malia a axuda que están recibindo doutros países, as autoridades gregas din que a situación segue sendo extremadamente difícil polo vento e porque aínda queda por diante polo menos unha semana máis de vaga de calor con picos de temperatura por riba dos 40 graos.
