A patronal das gasolineiras critica a tardanza en anunciar a supresión da bonificación
Denuncian que teñen moi pouca marxe para adaptar os seus sistemas informáticos
Dende o sector constatan un aumento da afluencia de clientes ás estacións de servizo tres días antes de que expiren as bonificacións
A patronal das gasolineiras de Galicia respecta a decisión do Goberno de eliminar a bonificación universal dos carburantes, pero critican que as medidas se anunciasen con tan pouca antelación.
Julio López, presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo, asegurou no Galicia por Diante da Radio Galega que van ter pouca marxe para adaptar o sistema informático ás novas tarifas.
"Parece incrible que tardaran tanto en avisar e que teñamos tan pouco tempo para poñela en práctica. Estamos tremendo porque pode haber cousas que saian no BOE e non teñamos tempo a adaptar", di López.
López explica que a medida chega nun momento complicado. En apenas uns días deberán actualizar as tarifas dos carburantes, suprimir o IVE dos produtos básicos da cesta da compra que se venden nos supermercados das estacións de servizo e pechar o ano fiscal.
A isto súmase o aumento da demanda de combustible por parte da clientela só tres días antes de que expiren as bonificacións aos carburantes.
O presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo advirte de que non serán quen de servir moitos pedidos que lles están chegando de forma masiva.
"Están chegando unha gran cantidade de pedidos de forma masiva e son moi difíciles de atender. Por iso estamos preocupados de que non se fixese cunha antelación maior por parte das nosas autoridades".
Julio López non se atreve a facer unha estimación sobre a evolución do prezo do carburantes. Limítase a asegurar que canto máis baixe o prezo dos carburantes mellor lle vai ás gasolineiras.