Os galegos cumpren coa ITV
Os expertos lembran que a revisión periódica reduce riscos e evita sancións
Galicia figura entre as comunidades con mellor cumprimento da ITV.
“A ITV é unha garantía de seguridade viaria e unha ferramenta fundamental para reducir riscos ou minimizar as súas consecuencias”, segundo Javier Barja, xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.
Para moitos condutores, a ITV é xa unha cita fixa. “Cando me envían a notificación un mes antes, sempre solicito cita para a ITV”, alega un home.
Non é só papelame. A ITV permite comprobar que o vehículo circula con garantías. "É importante para a nosa seguridade pasar a ITV e mantela ao día”, afirma.
Aínda así, tamén hai quen admite algún descoido puntual. “Despístome, doume de conta, deixo o coche e collo outro, non quero ter problemas”, di unha condutora.
Circular coa ITV caducada pode saír caro: 200 euros de multa e posibles complicacións en caso de accidente.
O xefe de Tráfico confirma que circular sen ITV "supón multas por ter a ITV caducada ou desfavorable de 200 euros, pero o máis grave é tela en negativa, que supón 500 euros. Pero máis alá da sanción económica está o risco de sufrir un sinistro".
Responsabilidade ao volante e vehículos en condicións. Unha combinación clave para gañar seguridade nas estradas.