Os futbolistas do Rácing valoran positivamente o triunfo en El Prado
O autor do gol da vitoria Iñigo Alayeto, o defensa Jefferson Quintana e o porteiro Gianfranco Gazzaniga atenderon á RG en Talavera

Dende o aparcadoiro do autobús que desprazou ao Rácing de Ferrol á localidade manchega, varios xogadores do conxunto departamental atenderon a Raúl Villares e analizaron a cuarta vitoria consecutiva a domicilio. O primeiro en pasar polos micrófonos do Galicia en Goles foi o home que anotou o gol do triunfo, Iñigo Alayeta.
"Ledo por saír e poder marcar xa. É o que toca, cando saes de inicio ou cando entras dende o banco, o que hai é que axudar. Por sorte hoxe puidemos levar os tres puntos. O encontro puido caer de calquera lado e fíxoo do noso".
Tamén regresaba aos terreos de xogo un estandarte na defensa racinguista como Jefferson Quintana. O xigante uruguaio lamenta non pechar antes o partido.
"Tivemos ocasións para matar o encontro antes. Sufrimos pero o importante é que levamos a vitoria. Da confianza gañar fóra pero agora temos que facernos fortes na casa".
Tamén incidiu na importancia dos partidos na Malata o porteiro Gianfranco Gazzaniga.
"Foi un encontro de pico e pa. Á contra somos moi perigosos e soubemos crear perigo. O que temos é que gañar xa na Malata e ser máis fiables coma locais".