Os faros, tirón do turismo na Costa da Morte
Pasaron de ser guía de mariñeiros a atractivo turístico e motor da economía da zona
O Camiño dos Faros percorre 200 quilómetros repartidos en oito etapas
Naceron para mirar polos mariñeiros.
"Agora os mariñeiros pagamos os faros e xa non miramos para eles porque é todo o GPS", comenta Modesto, un mariñeiro de Laxe.
E hoxe son eles os mirados.
"Os faros son moi bonitos, tan altos, sobre a praia", confirma un turista israelí tirando do pouco español que manexa.
"As vistas son espectaculares e o mar, como se adentra nos distintos municipios"
"Os faros agora son unha atracción. A ruta dos faros deixa quedar moito carto na vila e en todos os concellos da Costa da Morte", constata Modesto.
"Estivemos no Faro de Fisterra e onte pasamos polo de Touriñán"
Os faros son o principal reclamo turístico da Costa da Morte e tamén unha auténtica lección de historia. Isto sobre o de Cabo Vilán.
"Foi o primeiro electrificado aquí en Galicia, que se construiu despois dun accidente moi grave que houbo no que morreron moitos ingleses, un barco inglés, e que estivo traballando unha señora, que foi a primeira fareira, durante corenta anos", explica unha turista que vén de Cidade Real.
Atesouran lendas, poemas, pero tamén o testemuño dos peores naufraxios.
"A historia dos naufraxios apaixóame, realmente enternéceme. Fomos a unha praia preto de aquí, ao cemiterio dos ingleses, e a historia é preciosa porque conta dun barco que naufraga con soldados moi novos todos e iso enterneceume, coma nai e coma historia... preciosa, preciosa", relata unha muller que veu pasar o verán a Laxe, fuxindo da calor de Zaragoza.
O Camiño dos Faros réndelles a homenaxe merecida.
"O camiño é espectacular porque vai todo pola costa. Son sendeiros non habituais, que percorren toda a Costa da Morte e percorre todos os faros, dende Malpica ata Fisterra", confirma Mayka Campos, socia da Asociación Camiño dos Faros.
Todo un espectáculo natural gratuíto.
"Podes quedar horas mirando o mar e a costa. Cada día é diferente, segundo o tempo, as mareas, ..., non te aburres nunca" engade o marido da zaragozana.
"Imos vir aquí ver o atardecer e imos ir ver tamén o Mar de Ardora, que nos dixeron que é a data perfecta para velo en Laxe", adianta outra turista, recén chegada de Málaga para unha voda en Laxe.
E o avistamento de estrelas, porque este é un dos destinos Starlight, un auténtico desfrute en noites despexadas.