Os expertos advirten de que o lume que causa máis perigo non é o que ten máis lapa, senón o rescaldo
Os expertos advirten de que o lume que causa máis perigo non é o que ten máis lapa, senón o rescaldo
Cristina Fernández Filgueira, investigadora do centro Forestal de Lourizán, sinala esta desgraza como unha oportunidade para pensar e reflexionar
Os investigadores xa traballan na avaliación dos danos causados pola vaga de incendios das últimas semanas e nas consecuencias do cambio climático para a vexetación
A vaga de calor e os incendios ocasionados por ela deixan un período de reflexión e avaliación nos montes galegos.
Cristina Fernández Filgueira, investigadora do centro Forestal de Lourizán, anunciaba esta mañá nunha entrevista no Galicia Por Diante que dende o sector traballan agora para avaliar os danos en varias fases.
Advirte de que o lume que causa máis perigo non é aquel que ten máis lapa, senón aquelas brasas acesas que se conservan entre a cinsa despois de arder algo.
Dende o centro forestal traballan agora nas zonas máis afectadas polos lume. Áreas onde o risco de erosión e derruba é maior. Aseguran que para isto hai dous xeitos de actuar. O primeiro consiste en empregar unha especia de cobertura para evitar que haxa arrastres. O segundo focalízase na traxectoria da auga, en limitar a velocidade e en limpar e abrir os camiños de drenaxe.
Co foco posto tamén na repoboación e no futuro das especies, a investigadora do centro de Lourizán fai fincapé en que a propia natureza do terreo xa indica que especies son máis axeitadas para cada zona, mais dende o centro apostan por unha paisaxe homoxénea.
Sinala que as consecuencias climáticas non tardarán en notarse na vexetación, e apunta que aquelas especies que ata agora vivían en climas húmidos e tépedos se verán desprazadas por outras que se adapten mellor a climas secos.
Con todo, Cristina Fernández sostén que esta desgracia supón agora unha oportunidade para pensar e reflexionar.