Os españois en corentena no Gómez Ulla poderían recibir visitas en poucos días
A ministra non concretou en que condicións se levarían a cabo eses contactos
O único español do cruceiro que deu positivo en hantavirus está en bo estado
O español con positivo en hantavirus atópase mellor e está "case asintómatico"
A ministra de Sanidade confirmou este venres que o único dos 14 españois que desembarcaron o domingo nas Canarias do MV Hondius e deu positivo en hantavirus está en bo estado. "Onte estaba case asintomático", dixo Mónica García en Televisión Española.
O infectado permanece ingresado no Hospital Militar Gómez Ulla de Madrid, xunto cos outros 13 españois que ían no trasatlántico. Estes últimos poderían reencontrarse coas súas familias o luns, unha vez se lles faga unha nova PCR. "Se dá negativa, poderán empezar a recibir visitas", dixo a ministra.
Con todo, a ministra non concretou en que condicións se levarían a cabo eses contactos. Nin a distancia que se debería manter cos corentenados nin se habería que usar EPI.
Transcorridas catro semanas de ingreso e outras tantas PCR negativas, a ministra dixo que se podería pensar en que completen a corentena na casa.
Fóra de España, a francesa de 65 anos infectada de hantavirus continúa ingresada en París en estado crítico e recibindo coidados paliativos. É o caso máis grave de todos os positivos detectados. Pola súa banda, un cidadán británico que facía corentena nun hospital de Milán foi sorprendido nas últimas horas nun bar da cidade lombarda. O home foi detido e devolto ao centro médico.