Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os equipos de extinción agardan estabilizar o incendio de Pantón "entre hoxe e mañá"

Os equipos de extinción agardan estabilizar o incendio de Pantón "entre hoxe e mañá"

"Aínda queda moito traballo por diante", recoñece José María Fernández, xefe do Distrito Forestal 8, quen asegura que a "orografía é moi complicada"

Polo momento mantense activada a situación 2, de forma preventiva, pola proximidade de núcleos de poboación

G24.gal 22/09/2025 09:57

O incendio declarado o pasado xoves no concello de Pantón segue activo, segundo informou a Consellería do Medio Rural. De forma preventivas permanece declarada a situación 2, pola proximidade de núcleos de poboación.

Este incendio, que se iniciou na parroquia de Pombeiro, arrasou polo momento unhas 2.000 hectáreas, parte delas no concello veciño de Sober.

Con todo os responsables dos servizos de extinción son moderadamente optimistas sobre a súa evolución: "Temos o traballo en vías de estabilización", afirmaba este luns no informativo Bos días o xefe do Distrito Forestal 8, José María Fernández.

"Posiblemente entre hoxe e mañá, se todo vai ben poderemos dalo por estabilizado, pero aínda queda moito traballo por diante", explicaba o responsable da extinción deste incendio.

"Temos algunha zona complicada, sobre todo na de Pombeiro, de orografía moi complicada, onde os traballos hainos que facer de maneira manual, e por iso vai levar o seu tempo", recoñecía Fernández.

Para a extinción deste incendio mobilizáronse (medios acumulados) 21 técnicos, 143 axentes, 157 brigadas, 113 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Nestes labores participaron tamén efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Por outra banda, o incendio da Fonsagrada, iniciado na parroquia de Trobo na madrugada do sábado, deuse por extinguido á primeira hora da mañá deste luns. Finalmente quedaron afectadas unhas 40 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse (de forma acumulada) 14 axentes, 24 brigadas, 15 motobombas, unha pa e 3 helicópteros.

Na provincia de Ourense, desde última hora da tarde deste domingo xa se dá por controlado o incendio declarado en Lobios, na parroquia Río Caldo, con dous focos. O lume iniciouse na madrugada do domingo e afecta polo momento a 3,5 hectáreas de superficie, parte delas no Parque Natural dá Baixa Limia-Serra do Xurés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos