A morte do xerente dun taller de Viveiro deixa os empregados nun limbo laboral
Os operarios seguen acudindo a diario ao centro de traballo aínda que non cobran as nóminas dende marzo
Levan dous meses tendo que acudir todos os días ao seu posto de traballo pero sen cobrar un só euro. Esta é a situación en que se encontran José Luís e Mercedes, os empregados dun concesionario de Celeiro, en Viveiro, tras a morte do seu xerente.
"Estamos sen cobrar e sen poder atender a xente. Cortáronnos telefonía e Internet e vannos cortar en breve a luz e a auga, pero termos que seguir vindo aquí porque non sabemos nin quen manda nin quen é o dono desta empresa. Nós temos as chaves, pero non sabemos a quen entregarllas", explica José Luis Balsa, oficial de primeira do taller.
"Supón unha carga emocional bastante forte, vir aquí sen saber moi ben que facer. É bastante duro. Temos que estar aquí as horas correspondentes, porque se marchamos é abandono do posto laboral. Por outro lado estamos xa sen nómina, e aínda que queiramos buscar traballo noutro sitio, ao estar de alta noutra empresa non se pode facer", sinala Mercedes Lozano, administrativa do concesionario.
Os afectados xa lle comunicaron a súa situación a Inspección de Traballo, que abriu un expediente. Así e todo, temen que a solución poida prolongarse no tempo.
"Tivemos unha reunión coa Inspección de Traballo, que nos está preparando unha baixa de oficio, pero que leva o seu tempo", afirma Balsa.
"Hai dúas posibilidades, ou que alguén colla isto e poidamos seguir, ou polo menos que nos dean de baixa aquí e que nos manden ao paro para poder buscar traballo noutro lado", engade Lozano.
Á espera de que sexan dados de baixa de oficio na Seguridade Social e poidan así ser indemnizados, os empregados continuarán acudindo ao centro onde traballaron nas últimas décadas.