Os delitos de odio en España aumentaron un 23,6 % en 2025 e rexistran un máximo histórico
Os incidentes de racismo e xenofobia sitúanse á cabeza da lista, con 934 feitos, o que supón un aumento do 16 % con respecto ao ano anterior
O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska. Eduardo Parra/Europa Press.
Os delitos de odio rexistrados en España aumentaron un 23,6 % no ano 2025, ata as 2.417 infraccións penais, o que representa a cifra máis alta da serie histórica desde que se empezaron a medir este tipo de incidentes, en 2014.
Así se desprende do informe sobre a evolución dos delitos e incidentes de odio en España 2025, elaborado polo Ministerio do Interior, e que se presentou na sede do Centro Tecnolóxico de Seguridade (CETSE), no Pardo (Madrid).
Aínda que subiron todos os delitos de odio excepto a discriminación xeracional, os incidentes de racismo e xenofobia sitúanse á cabeza da lista, con 934 feitos, o que supón un aumento do 16,1 % con respecto ao ano anterior.
En segundo lugar sitúanse os delitos por orientación sexual e identidade de xénero, con 571 contabilizados, mentres que en terceiro lugar aparecen os delitos por ideoloxía, con 241 e que representan un incremento do 64 % respecto ao ano anterior.
O maior incremento na tipoloxía de delitos prodúcese na islamofobia, cun aumento do 133 % con respecto ao ano anterior, e despois séguena a disfobia -odio a persoas con discapacidade-, cun 90 %, e o antisemitismo, cun 86,5 %.
O informe apunta a un incremento dos feitos de islamofobia no ámbito dixital, cun aumento do 450 %, e tamén aumenta a participación dos menores nos delitos, tanto a nivel de vítimas como de autores.
Os corpos e forzas de seguridade do Estado detiveron ou investigaron por delitos de odio a un total de 1.018 persoas, uns 78,5 % homes, e que representa un aumento do 12,5 % con respecto a 2025 en cifras totais. Ademais, o 65,6 % dos casos foron esclarecidos, segundo os datos do Interior.
Por autonomías, a cidade de Melilla sitúase á cabeza na taxa de delitos por cada 100.000 habitantes, con 21,9, por diante de Navarra, con 15,6, e da outra cidade autónoma, Ceuta, con 10,8.