Os conservadores alemáns de Merz aproban o acordo de coalición con socialdemócratas
A Unión Cristiandemócrata (CDU) de Alemaña tamén anunciou a súa lista de ministros para o futuro Goberno

A Unión Cristiandemócrata (CDU) de Alemaña, do futuro chanceler alemán Friedrich Merz, aprobou o acordo de coalición co Partido Socialdemócrata (SPD) nun chamado "pequeno congreso" da forza conservadora.
Aínda queda pendente a aprobación por parte do SPD, que someteu o acordo ao voto dos seus 358.000 militantes, que teñen prazo ata o martes na noite, polo que o partido só dará a coñecer o resultado o mércores.
A Unión Socialcristiá (CSU) bávara, partido irmán da CDU coa que forma grupo parlamentario conxunto, xa dera o seu visto e prace ao acordo. A CDU/CSU tamén anunciou a súa lista de ministros para o futuro Goberno. O SPD só presentará a súa lista de ministros o 5 de maio.
De parte da CDU estarán no equipo de Merz, que se someterá a votación na Cámara Baixa o próximo día 6 para ser investido novo chanceler, Thorsten Frei, como ministro da Chancelería.
Katherina Reiche estará á fronte da carteira de Economía; Johann Wadephul, no Ministerio de Exteriores; Karin Prien, en Educación e Familia; Nina Warken, en Sanidade; Patrick Schnieder, en Trasnporte, e Karsten Wildberger, en Asuntos Dixitais.
A CSU designou a Alexander Dobrint, para liderar o Ministerio do Interior e con iso o endurecemento da política migratoria; Dorothe Baar, o de Investigación, Tecnoloxía e Espazo, e Alois Rainer, o de Agricultura.
A lista de ministros valeulle a Merz expresións de descontento dentro do seu propio partido. A Organización de Traballadores Cristiandemócratas (CDA) queixouse de que non terá representación directa no Goberno.
"Un Goberno federal sen representación da CDA é algo que só vira cando a CDU estivo na oposición", dixo o presidente da organización, Dennis Radke.
Radke advertiu ademais que a perda dos seus elementos sociais levou a que a CDU sexa percibido por moitos coma un partido que non representa os intereses dos traballadores.