Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os cazas do adestramento máis importante do Exército do Aire xa sobrevoan Santiago

Os cazas do adestramento máis importante do Exército do Aire xa sobrevoan Santiago

Eurofighter do Exército do Aire, efectivos de Artillería Antieaérea e unha fragata realizan esta semana un exercicio de defensa aérea entre Santiago e Noia 

É o coñecido como Eagle Eye, unha operación de coordinación entre os tres exércitos que implica máis de 4.000 militares

G24.gal 06/05/2025 14:09

Os cazas que sobrevoarán esta semana Santiago e a comarca de Noia duplican a velocidade do son: poden ir a máis de 2.200 quilómetros por hora.

O ano pasado viñeron a Santiago os da base de Morón e este ano son os de Albacete os protagonistas do exercicio. O Estado Maior da Defensa escolleu a xeografía galega por segundo ano consecutivo para realizar esta operación. Non é o habitual, porque adoitan variar moito os emprazamentos.

"As condicións que temos aquí axudan moito a que poidamos facer un exercicio de gran calidade. Hai que saber que un exercicio de defensa aérea non só involucra aeronaves do Exército do Aire, senón que esixe da coordinación cos medios de Artillería Antieaérea do Exército de Terra; e por parte da Armada, nesta ocasión, apóianos a fragata Méndez Núñez, que está xa nas augas do noroeste de Galicia", explica Juan Pedro Velázquez Gaztelu, o coronel xefe do Aeródromo Militar de Santiago.

O que simula estes días o Eagle Eye é unha incursión inimiga sobre as nosas augas. Desde o aviso, en menos de oito minutos, engalan os cazas.

"A denominación técnica son F-2000 Eurofighter. Son aeronaves de fabricación europea, e a nivel aeronáutico son a punta de lanza do Exército do Aire, polas súas capacidades de combate", detalla o capitán Manuel Bermejo. 

A velocidade dos cazas é tan alta que a dirección de tiro detecta a aeronave como unha traza no radar, e calcula o punto futuro de disparo, que, "pola alta velocidade, adoita estar moi afastado do emprazamento actual". É a explicación que ofrece o tenente Valera, pertencente ao rexemento de Artillería Antieaérea de Cartaxena.

Neste simulacro participan catro mil persoas en total: militares de diferentes lugares e emprazamentos, que para este adestramento se dividen en dous bandos. Operan con total realismo, pero case sempre mar a dentro, fóra do alcance da nosa vista. Iso si, de ida e volta, verémolos pasar. 

"Aínda que vexades que levan mísiles, son de adestramento, non reais", explica José Luis Jiménez, o brigada destinado no centro de control e mantemento do Eurofighter en Albacete.

Para eles é un exercicio fundamental de coordinación que lles permite ter a punto protocolos e operativas que requiren moita destreza e gran pericia técnica. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade