Merz quere converter Alemaña no país co "Exército máis forte de Europa"
"O noso obxectivo é unha Alemaña e unha Europa tan fortes xuntas que nunca teñamos que usar as armas", sinalou Merz, quen prometeu "máis colaboración" estreita en defensa cos socios europeos

O chanceler alemán, Friedrich Merz, dixo este mércores que quere converter as Forzas Armadas do seu país nas "máis fortes de Europa" á vista da guerra rusa en Ucraína e o afastamento paulatino dos EUA do Vello Continente.
"O Goberno federal proporcionará todos os medios financeiros que as Forzas Armadas necesitan para converterse de maneira convencional nas máis fortes de Europa", dixo na súa primeira declaración como xefe de Goberno na Cámara Baixa do Parlamento xermano.
Merz defendeu esa intención do seu Goberno como algo "propio do país máis poboado e economicamente máis forte de Europa".
"É o que esperan os nosos amigos e socios de nós; é máis, mesmo o esixen", abundou Merz, despois de subliñar que "reforzar o Exército" é a "máxima prioridade" do Executivo de coalición entre conservadores e socialdemócratas que el lidera.
O chanceler admitiu que o país necesita urxentemente mellorar a preparación operativa e o aumento do persoal das súas Forzas Armadas, polo que empezará por "crear un novo e atractivo servizo militar voluntario".
"Hai moitos mozos no noso país que queren asumir esa responsabilidade por Alemaña, a súa defensa e a súa seguridade. Queremos e imos fomentar isto", prometeu.
"Debemos ser capaces de defendernos para non ter que facelo", salientou o chanceler xermano, porque a lección da guerra rusa en Ucraína é que "a forza disuade aos agresores" e "a debilidade, pola contra, convida á agresión".
"O noso obxectivo é unha Alemaña e unha Europa tan fortes xuntas que nunca teñamos que usar as armas", sinalou Merz, quen prometeu "máis colaboración" estreita en defensa cos socios europeos.
"Para logralo, teremos que asumir máis responsabilidades dentro da OTAN e a UE. Cumpriremos os nosos compromisos sen peros: no noso propio interese e no desta grande Alianza Atlántica (...)", insistiu.
Merz ten á súa disposición un marco legal que permite ao país un gasto en defensa como nunca antes tivo a maior economía de Europa.
Grazas ás reformas constitucionais aprobadas en marzo grazas ao acordo alcanzado entre conservadores, socialdemócratas e Os Verdes, excluíuse o límite de endebedamento para todo gasto militar que supere o 1 % do PIB, uns 43.000 millóns de euros.
Alemaña alcanzou o 2 % do gasto en defensa durante o mandato de Olaf Scholz, predecesor de Merz, unha porcentaxe considerada mínimo na OTAN que o actual líder do Goberno xermano se comprometeu a manter.