Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os cardeais electores debaten sobre o futuro Papa e anticipan que o conclave rematará o venres

Os cardeais electores debaten sobre o futuro Papa e anticipan que o conclave rematará o venres

Os arcebispos insisten en que polo de agora hai 133 nomes en liza, ao tempo que se ultiman os traballos para o conclave na Capela Sixtina

Na praza de San Pedro había hoxe unha maioría de respostas a prol da continuidade papal como a mellor opción, a preguntas da TVG

G24.gal 03/05/2025 15:01

Os cardeais aínda non están listos para decidir o nome do futuro Papa. Así o recoñecían hoxe algúns antes do inicio das novenas congregacións xerais ou cardenalicias, nas que proseguen co debate tentando establecer puntos de afinidade. Mentres na Capela Sixtina se ultiman os detalles para o conclave, as quinielas sobre os papables, que a miúdo fallan, insisten en cinco ou seis nomes como favoritos. Hoxe os xornalistas preguntaban por algún nome concreto e así contestaba en italiano o cardeal de Chile.

"Pídenme que diga un nome e eu digo que son cento trinta e tres nomes, cento trinta e tres nomes", enfatizaba Fernando Chomali, arcebispo de Santiago de Chile.

Unha resposta que entra dentro do agardado, porque está pactada a non filtración de posibles favoritos. Todo quedará perfilado en boa medida antes do inicio do conclave, o mércores vindeiro, e algún cardeal xa anticipa o día en que vai rematar. Isto é o que desvelaba o arcebispo do Salvador, Gregoria Rosa Chávez, ante as preguntas dos informadores:

— Como vai ser este conclave, longo ou curto?
— Curto.
— Por que?
— Falemos o venres.

No Vaticano, os visitantes consultados esta mañá opinaban maioritariamente que confían nun Papa continuísta. Este é un resumo das respostas dadas á TVG:

"Que siga co mesmo que se estaba facendo, o que promoveu o papa Francisco, sentándose coa xente humilde, buscando a continuidade."
"Seguindo a liña deste, eu creo".
"Necesítase alguén encamiñado cos cambios e coa continuidade".
"Que siga os mesmos pasos que seguiu este, porque este foi bastante transgresor en temas como a violencia que houbo de certos curas con nenos".
"Continuar, porque Francisco foi un Papa aberto que se preocupou polas minorías, polos máis necesitados".

Tamén puidemos escoitar desexos máis específicos:

 "O tema da homosexualidade si que me gustaría que se reformulase e que si se aceptase o matrimonio homosexual", comenta unha rapaza.

"Esperemos que o seguinte Papa sexa ucraíno e que traia a paz por fin para o pobo ucraíno", di unha muller dese país.

En definitiva, tempo de reflexión para os cardeais electores e de expectativas para os fieis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade