Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os bombeiros dan por controlado o incendio no punto limpo de Vigo

Os bombeiros dan por controlado o incendio no punto limpo de Vigo

A chuvia e a rápida actuación dos bombeiros evitou que as lapas se extenderan as naves veciñas e a un depósito de gasoil

Durante toda a madrugada estiveron arrefriando as instalacións e ao longo deste luns contan con poder iniciar as investigacións sobre as causas do suceso

G24.gal 18/09/2023 10:03

Os servizos de emerxencias dan por controlado un incendio declarado na tarde do domingo nunha nave do punto limpo de Vigo, da empresa Toysal. Os traballos continuarán ao longo deste luns para apagar o lume por completo.

Segundo informa o 112 Galicia, os primeiros avisos do incendio producíronse contra as 19:45 horas do domingo, cando numerosos particulares chamaban para avisar dunha importante nube de fume que saía do tellado das instalacións situadas en Camiño do Caramuxo, próximo á Zona Franca de Balaídos, e tamén a unha gasolineira e unha escola infantil.

Algúns dos alertantes, ademais, explicaban que o cheiro a queimado podíase percibir desde unha gran distancia.

O dispositivo, coordinado polo 112, contou con efectivos de Urxencias Sanitarias-061, por se puidese haber persoas afectadas, e de bombeiros de Vigo, Ribadumia e do Morrazo, amais do GES de Mos e do Val Miñor, e do distrito forestal da zona. Dúas horas e media despois do primeiro aviso conseguían controlar as lapas.

En declaracións a Radio galega, o propietario do grupo Toygal, Víctor Manuel Toca, dicía: 'Cando chegamos aquí e vimos o despregamento de policía e bombeiros, xa vimos que estaba controlado. E logo nós axudamos, porque eles non coñecen as instalacións por dento, quitamos as máquinas, tiñamos todos os camións dentro da nave e maquinaria. Sacamos todo e puideron traballar tranquilamente'.

A Axencia Galega de Emerxecias (Axega) desprazou ao lugar un camión cisterna, mentres as policías Nacional e Local daban soporte ao dispositivo canda as autoridades ambientais da Xunta.

Unha vez controlado o incendio, xa pola noite, estiveron arrefriando as instalacións durante toda a madrugada. A nave ten 20.000 metros cadrados, e no seu interior as temperaturas eran elevadas. Ardían dende electrodomésticos a roupa usada, e todo tipo refugallos.

Agora o que queda é determinar as causas e xa ao longo do día espérase que os investigadores poidan iniciar os seus traballos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade