Os bancos de alimentos precisan voluntarios para colaborar na Gran Recollida
A Gran Recollida terá lugar na fin de semana do 7 e 8 de novembro en máis de once mil supermercados de toda España
"Fixen a recollida por todos os supermercados e ao chegar á nave , clasificamos todo e facemos as entregas", conta Antonio Trigo, voluntario do Banco de Alimentos de Ourense.
Antonio leva anos sendo voluntario do Banco de Alimentos de Ourense.
"Axudas a moita xente e a satisfacción de saber que podes aportar cousas..." , engade Antonio.
O seu labor é fundamental para encher estes estantes onde case non quedan alimentos.
"Estes son os potitos que nos quedan. Para repartir en decembro tería que haber polo menos un palé ou dous de cada variedade", afirma Natalia González, coordinadora do Banco de Alimentos de Ourense.
É o que máis necesitan, alimentos para nenos, sobre todo para lactantes.
"Estes dous palés non cobren as necesidades deste mes dos nenos que está atendendo esta entidade", laiase Natalia.
E son máis de 70 en toda a provincia de Ourense as que demandan a súa axuda. O seu obxectivo é chegar aos cen mil quilos de alimentos na Gran Recollida, pero para iso precisan voluntarios.
"Un pouquiño de tempo, ou de mañá ou de tarde. Os turnos estanse establecendo de catro horas en cada supermercado", explica Natalia.
A súa presenza dobra as doazóns. Só no Banco de Ourense precisan 500 voluntarios e por agora non chegan nin ao 20 por cento.
"Os anos pasan, a xente ten os seus problemas de saúde ou as súas responsabilidades familiares. Entón, esa lista que temos descendeu moito", di Natalia.
"Cantos máis sexamos, máis grande sería a familia, e máis felicidade aportarían para eles e para nós", confirma Antonio.
Os 54 bancos de alimentos de España axudaron o ano pasado a máis dun millón de persoas en situación de vulnerabilidade.