Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os arxentinos van ás urnas este domingo nunhas eleccións lexislativas clave para Milei

Os arxentinos van ás urnas este domingo nunhas eleccións lexislativas clave para Milei

Estas eleccións realízanse nun momento de gran polarización entre o partido de Milei, La Libertad Avanza (LLA), e o peronista Fuerza Patria

Case 36 millóns de persoas están chamadas ás urnas: o voto é obrigatorio entre 18 a 70 anos e optativo para os cidadáns de 16 e 17 ou maiores de 70

Os colexios electorais estarán abertos desde as 08:00 hora local (11:00 GMT) e pecharán ás 18:00 (21:00 GMT).

Arxentinos en España votan en Madrid. Foto: EFE/ Sergio Pérez
G24.gal 26/10/2025 09:39 Última actualización 26/10/2025 13:18

A Arxentina celebrará este domingo eleccións lexislativas nas 24 provincias do país para renovar parcialmente a composición das dúas cámaras do Congreso nacional. Estes comicios son clave para as ambicións do Goberno de Javier Milei, pero ademais medirán o grao de apoio que ten entre a cidadanía a pouco de cumprir a metade do seu mandato.

A cita electoral realízase nun escenario de gran polarización entre o partido de Milei, La Libertad Avanza (LLA), e o peronista Fuerza Patria.

Votar é obrigatorio para os cidadáns de entre 18 e 70 anos

Case 36 millóns de persoas están chamadas ás urnas, nun país no que o voto é obrigatorio para os cidadáns de 18 a 70 anos e optativo para os de 16 e 17 ou maiores de 70.

Os colexios electorais estarán abertos desde as 08:00 hora local (11:00 GMT) e pecharán ás 18:00 (21:00 GMT).

En todos os distritos electorais da Arxentina votarase para renovar 127 escanos da Cámara de Deputados, sobre un total de 257.

En paralelo, a cidade de Bos Aires e as provincias de Chaco, Entre Ríos, Neuquén, Río Negro, Salta, Santiago del Estero e Tierra de Fuego votarán para renovar un terzo do Senado (24 dun total de 72).

A nova composición do Congreso será inaugurada o próximo 10 de decembro.

 

Os colexios electorais abriron este domingo ás 08:00 hora local (ás 12:00 hora de España). Reuters Os colexios electorais abriron este domingo ás 08:00 hora local (ás 12:00 hora de España). Reuters

Obxetivo de Milei para soster os seus proxectos

O obxectivo do oficialismo nacional, que conta actualmente con menos de 40 deputados, é lograr un terzo das bancas da cámara baixa e obter todos os escanos posibles no Senado, co fin de soster os seus proxectos de reforma e contrarrestar os intentos da oposición para bloquear decretos presidenciais.

Jorge Milei durante un mitin nesta campaña electoral. Foto: Reuters/Cristina Sille Jorge Milei durante un mitin nesta campaña electoral. Foto: Reuters/Cristina Sille

Obxectivo do peronismo

Para o peronismo, un triunfo permitiríalle consolidarse como a principal forza opositora ao Goberno de Milei, o que supoñería un empuxón a este movemento político tras o desprestixio sufrido durante o mandato do expresidente Alberto Fernández (2019-2023).

Cartel electoral de Fuerza Pattria: Imaxe Julieta Barrera / Reuters Cartel electoral de Fuerza Pattria: Imaxe Julieta Barrera / Reuters

As enquisas non ofrecen unha tendencia clara sobre o posible vencedor

As diferentes enquisas non ofrecen unha tendencia clara sobre quen se impoñerá nos comicios, aínda que sitúan en terceira posición a fronte Provincias Unidas, liderada por un grupo de gobernadores de distintos partidos, e en cuarto lugar a Frente de Izquierda e los Trabajadores (FIT).

O peronismo rexistrou o 7 de setembro un importante triunfo nos comicios lexislativos provinciais no maior distrito electoral do país, a provincia de Bos Aires, que concentra preto do 40% do padrón.

A provincia de Córdoba, o segundo distrito en poboación, será escenario dunha disputa entre LLA e Provincias Unidas, mentres que en Santa Fe as medicións mostran un triplo empate entre o partido de Milei, o do gobernador local Maximiliano Pullaro e o peronismo.

Na cidade de Bos Aires, distrito electoral independente da provincia homónima, a poxa será entre a lista encabezada pola ata o de agora ministra de Seguridade Nacional, Patricia Bullrich, e os candidatos de Fuerza Patria.

A participación electoral será outro factor importante: nos comicios provinciais celebrados nos últimos meses para renovar as lexislaturas locais, a concorrencia baixou de forma significativa respecto a anos anteriores.

Nesta elección entrará en vixencia o uso a nivel nacional da boleta única de papel, un formato novo para o país no que todas as forzas aparecerán nunha única papeleta.

A lei electoral establece que os primeiros resultados oficiais do escrutinio provisional sexan difundidos a partir das 21:00 hora local (00:00 GMT do luns).

Cartel do principal partido da oposición. Reuters Cartel do principal partido da oposición. Reuters

Os correspondentes estranxeiros denuncian trabas para cubrir as eleccións lexislativas

A Asociación de Correspondentes Estranxeiros da República Arxentina (ACERA) denunciou este sábado impedimentos impostos polo partido do presidente, Javier Milei, á cobertura xornalística estranxeira das eleccións lexislativas que se celebrarán o domingo no país.

Nun comunicado difundido en Bos Aires, a entidade, que representa máis de noventa xornalistas de medios internacionais e conta con máis de corenta anos de traxectoria, expresou:

"A súa enérxica preocupación e protesta ante os obstáculos impostos polo oficialismo para a cobertura das eleccións lexislativas do domingo 26 de outubro".

Segundo explicaron, varios xornalistas estranxeiros foron informados este sábado de que as súas acreditacións foran denegadas, revogadas ou canceladas sen xustificación e non poderán ingresar a lugares clave para a cobertura, como o búnker do espazo oficialista, La Libertad Avanza.

"Un número significativo dos nosos colegas viu bloqueado inxustificadamente o acceso ao búnker de La Libertad Avanza, o que os impedirá cumprir co seu deber profesional de informar con transparencia e oportunidade", afirma o texto difundido.

A organización afirmou tamén que o ocorrido "constitúe unha clara vulneración do dereito para informar e da liberdade de expresión, e limita a capacidade da prensa internacional de reflectir de maneira adecuada o proceso electoral arxentino".

Cualificou de "inaceptable" que se utilice "o argumento de "falta de espazo'" para restrinxir o acceso dos correspondentes. 

 

Javier Milei votando nos comicios lexislativos de 2023, nos que foi o vencedor Javier Milei votando nos comicios lexislativos de 2023, nos que foi o vencedor
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade