Orio prolonga o seu dominio na Liga ACT, nunha inusual estrea nun encoro de Madrid
Chapela e Ares pecharon a clasificación desta primeira bandeira da Liga
Un embalse no medio da Serra Madrileña. Nun lugar tan novidoso comezou a Liga ACT. Onde non houbo tantas novidades foi no elenco de gañadores. A presidenta da Comunidade entregoulle os trofeos a Arraun, na categoría feminina. E a Orio no categoría masculina.
Orio gañouno todo a temporada pasada. A Liga, con récord de vitorias, a Concha e os campionatos de Euskadi e España. Este ano repetiu título nos campionatos e aspira a superar os dezaseis triunfos parciais na liga. Nesta primeira xornada sacoulle oito segundos a Ziérbena e Donostiarra.
Noutra batalla moi distinta están os dous representantes galegos. Chapela debutaba na ACT. Acabou no penúltimo posto, a catro segundos do décimo e a seis do noveno clasificado.
Ares, con cinco anos de experiencia na elite, acabou na derradeira praza seis segundos por detrás de Chapela. O inicio non foi bo para as traiñeiras galegas. Pero isto non fixo máis que comezar. Por diante, dezaoito regatas de loita para evitar os dous últimos postos.