Optimismo de Giráldez para a volta: "Van ter que matarnos para que nos eliminen"
O adestrador do Celta está "convencido" de que o seu equipo vai estar nos cuartos de final da Europa League
Sergio Carreira considera moi rigorosa a expulsión de Borja Iglesias por dobre cartón
O Celta acariñou o triunfo e ir á volta cunha mínima vantaxe pero, logo do visto no partido de ida, o empate pode darse por bo despois de xogaren con dez durante máis de media hora e aguantar o acoso dun Lión que tivo moitos máis achegamentos a porta que os celestes.
Claudio estaba satisfeito co comportamento do seu equipo: "Estamos vivos na eliminatoria contra un equipazo", asegurou o técnico porriñés que se amosou "convencido de que imos estar en cuartos". Quedan noventa minutos por diante (ou 120 si o partido volve rematar con empate) e Giráldez sabe que terán opcións para a volta: "Van ter que matarnos para que nos eliminen. Temos claro que o imos vender moi caro e temos moitos que dicir nesta eliminatoria".
Sergio Carreira, que xogou a segunda metade en substitución do goleador Javi Rueda, falou da expulsión de Borja Iglesias no minuto 55 que condicionou o partido. "Pode que leve o brazo arriba pero sen intención de facer forza. Non a vexo como unha entrada temeraria" comentou Carreira que entende como rigorosa a decisión do colexiado.