Os opositores de máis de 50 anos son o dobre que antes da pandemia
A maioría conta con cargas familiares e busca estabilidade laboral
O 11 % do total de opositores que hai neste intre en España supera os 50 anos. É máis do dobre do que había no ano 2019. A covid fixo que moitos perderan o seu posto de traballo ou viran reducida a súa xornada laboral.
Preparan unha oposición co obxectivo de acadar estabilidade laboral. A maior parte dos demandantes de emprego público desta idade son mulleres con cargas familiares polo que limitan os postos aos que optan ao ámbito autonómico.
Teñen menos tempo para estudar, din, pero máis constancia e motivación. É o caso de Elena Pérez, unha ourensá que prepara as oposicións para auxiliar administrativo da Xunta tras perder o seu emprego no sector informático durante a pandemia.