Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conxo impulsa un método ambulatorio pioneiro para operar cálculos renais

Conxo impulsa un método ambulatorio pioneiro para operar cálculos renais

Máis dun cento de pacientes beneficiáronse desta técnica no último ano

O sistema é innovador en España e foi premiado nun congreso da especialidade

G24.gal 05/02/2022 14:25

Operarse dun cálculo de ril, unha intervención temida noutro tempo, e saír ese mesmo día do hospital para incorporarse á vida normal. Ese é o obxectivo do sistema de cirurxía ambulatoria do hospital de Conxo, que acaba de ser premiado no cumio español da especialidade.

Este centro sanitario compostelán é un referente desde hai anos en cirurxía percutánea do ril.

"Estes cálculos poden tratar con endoscopia, tal como fixemos hoxe, a través da uretra do paciente; é dicir, sen orificios extraordinarios, facendo unha abordaxe a través da uretra do paciente. Nalgúns casos máis complexos abordamos a través dun pequeno orificio de 5 milímetros a través do costado do paciente. Entramos no ril, vemos o cálculo e fragmentámolo con láser para extraer todos os fragmentos", sinala Daniel Pérez Fentes, o cirurxián coordinador desta unidade.

O protocolo asistencial inclúe varios servizos que van desde a radioloxía ata anestesia. Aquí xorde a pregunta: cal é o sistema de sedación utilizado? Depende das características de cada paciente:

"Podemos pasarlles unha sedación profunda, unha anestesia xeral, ou facer unha anestesia que se chama de cintura para abaixo, ou anestesia espiñal no paciente. Tentamos usar fármacos de acción curta para que o paciente recupere o antes posible", comenta a anestesista Ana Masid.

Os operados quedan en observación durante unhas horas nunha unidade especial do hospital antes de recibir a alta:

"Pasan as seguintes seis horas máis o menos, onde inician a tolerancia, onde empezan a camiñar, sentan na cadeira. Fan a adaptación ao medio", explica Cristina Valiño, coordinadora de cirurxía ambulatoria.

Desde xaneiro do ano pasado beneficiáronse 106 doentes deste modelo cirúrxico. A gran maioría deles son o mellor aval da súa eficacia:

 "Eu tiña pedras no ril e pasaba bastantes dores. Tiña moitas molestias no día a día. A min operáronme pola mañá, creo que ao mediodía, ás oito da tarde xa estaba na casa e a recuperación foi moi boa, moi rápida", é o testemuño do paciente operado Juancho Dosil.

Este sistema, "opérese de cálculos renais e pase a primeira noite xa na casa", ten unha demanda crecente no hospital de Conxo. Hai que ter en conta que a patoloxía das pedras nos riles é bastante frecuente, xa que pode sufrila entre o 8 % e o 12 % da poboación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade