Once tarántulas que estaban destinadas ao comercio ilegal recupéranse en Marcelle
Foran detectadas nunha maleta no aeroporto de Baraxas, metidas en caixas de plástico
Criadas en catividade, non sobrevivirían se fosen devoltas aos seus territorios de orixe
Trataron de introducilas en territorio español metidas en caixas de plástico no interior dunha maleta, pero foron detectadas no aeroporto de Baraxas.
Daquela, estas once tarántulas de distintas especies e rexións do mundo foron trasladadas aos terrarios de Marcelle Natureza, en Outeiro de Rei, un centro zoolóxico que está autorizado para a recuperación da fauna silvestre rescatada dun negocio que move millóns de euros.
"Son de pequeno tamaño, porque aínda teñen que crecer. Véndenas así. Todas son femias, que crecen máis. Contactaron con nós, dado que colaboramos cos rescates, e puidemos aloxar once das quince", sinala Óscar Sampedro, técnico de conservación de Marcelle Natureza.
Criadas en cativerio, estas tarántulas son incapaces de cazar, polo que non sobrevivirían en estado salvaxe. No zoolóxico lucense ocúpanse, por tanto, do coidado destes exemplares de especies ameazadas.
"Elas están acostumadas a vivir en terrarios. Co cal, xa non se poden liberar na natureza. Á parte, o custo que representa levalas de volta ao seu territorio e buscarlles un sitio específico non é factible agora mesmo", engade Óscar.
Ademais de tarántulas, en Marcelle recupéranse exemplares doutras especies animais que tamén foron rescatados do comercio ilegal, como macacos, un moucho bengalí ou unha tartaruga caimán.
