Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous párrocos ourensáns falan dos seus recentes encontros co papa Francisco en Roma

Dous párrocos ourensáns falan dos seus recentes encontros co papa Francisco en Roma

O papa Francisco non puido cumprir co seu desexo de visitar Santiago de Compostela, pero si que tivo relación con algúns sacerdotes galegos

É o caso do ourensán Luís Manuel Cuña, nomeado polo propio pontífice prelado da Orde de Malta, e Yerai Fariñas, párroco en Ourense, que estivo con el en novembro

Os dous destacan que era un home moi familiar, accesible e cun carácter aberto e dialogante

O párroco ourensán Yerai Iglesias agasallou o papa Francisco cunha camiseta do Deportivo
G24.gal 21/04/2025 20:45 Última actualización 21/04/2025 22:58

Luís Manuel Cuña Ramos era delegado de Patrimonio e arquiveiro da catedral de Ourense cando en decembro de 2023 lle comunicaron que o papa decidira nomealo novo prelado da Orde de Malta. Do seu primeiro encontro destaca a súa accesibilidade. 

"O que tiña este papa é que era moi familiar, non che daba a impresión de estares falando co papa; facíate estar cómodo", di Luís Manuel Cuña Ramos, prelado da Orde de Malta en Roma.

A última vez que o viu foi en xuño do ano pasado, e faloulle de Ourense. 

"Cando chegou a min preguntoume, ti de que diocese es? E díxenlle, eu son de Ourense, e díxome 'tres cousas hai en Ourense que non hai no mundo enteiro'. E díxome todo. Eu quedei cos ollos abertos e estiven por dicirlle, 'e como o sabe', pero calei", conta Luís Manuel Cuña Ramos. 

Yerai Fariñas, párroco de Santa Eufemia do Centro, en Ourense, estivo co papa non hai moito, en novembro, e levoulle un agasallo especial, unha camiseta do Deportivo da Coruña co seu nome. 

"Aí botou unha risa que facía tempo que non lle vía! Empezou a ver a camiseta, observala... ía serigrafada co seu nome".

"Unha persoa accesible, que atendía a todos sen excepción, e deunos un exemplo do que debe ser a Igrexa, un lugar de escoita, de unidade, unha familia... un lugar onde sentirse a gusto", asegura o párroco ourensán. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade