Ollo cunha nova estafa nas redes: o calote da pataca
Os estafadores ofertan en Wallapop e Vinted artigos moi demandados e cando os cobran envían produtos sen valor
Medra en Wallapop e en Vinted o calote da pataca. Os estafadores envían produtos sen valor despois de que vítima xa pagase por comprar supostamente un artigo caro. A policía recomenda non fiarse de prezos moi atractivos e facer sempre o pago a través de plataformas seguras.
Hai dous meses contabámoslles a historia dun galego que, en vez de recibir o teléfono móbil de alta gama que mercara por Internet, lle chegou á casa unha lata con comida de gatos, e vaia sorpresa levou a vítima.
Unha fraude semellante estase estendendo en plataformas de compravenda en liña como Wallapop ou Vinted. Os estafadores publican anuncios con perfís falsos e poñen á venda produtos de valor de moita demanda, como tecnoloxía ou artigos de luxo, a prezos irresistibles e cando compras algo disto, chégache a casa unha pataca.
É o coñecido como o calote da pataca, que está afectando a centos de usuarios: envíanlles produtos sen valor despois de que a vítima pagara. A Policía Nacional recomenda, para evitar estas estafas, verificar o perfil e a puntuación, sospeitar de prezos moi baixos, desconfiar de vendedores que queren continuar a negociación fóra da plataforma e facer os pagos sempre por medios seguros.
Se es vítima desta estafa, informa axiña nas propias plataformas e denúnciao na policía.