Oliver Laxe, premio do Xurado en Cannes: "Subimos catro ligas de repente"
O cineasta galego conseguiu o premio por Sirat, ex aequo coa alemá Sound of Falling
O director asegura que este galardón equivale a máis liberdade e lexitima o seu traballo
Laxe, na Radio Galega: "Todo o mundo nos di que é a película do festival"
Oliver Laxe, flamante gañador do premio do xurado no Festival de Cannes, estará dentro dunhas horas en Navia de Suarna, onde vive, para presentar a película gañadora, 'Sirat'. A entrada é libre e o propio cineasta convidou todos os galegos que queiran asistir.
Para Laxe, este premio, que compartiu con outro filme alemá, equivale a máis liberdade e lexitima o traballo que está facendo.
Oliver Laxe, fillo de galegos emigrados a Paris, onde naceu, conseguir ver a súa película premiada no Festival de cine de Cannes, algo que só acadaron antes catro directores en toda a historia do cine español, Buñuel, Saura, Erice e Almodovar.
"É unha loucura gañar un premio en Cannes, é moi, moi difícil, é un palmarés incrible".
Quince anos despois de acudir a este certame con Mimosas, en 2016, e con O que arde, en 2019, o director galego recibiu este sábado o premio do Xurado, ex aequo coa película alemá Sound of Falling.
"Subimos catro ligas de repente". "Isto equivale a máis liberdade e lexitima o traballo que estamos facendo".
'Sirat' é a historia dunha filla desaparecida cun grupo de nómades afeccionados á música techno e un pai que a busca sen descanso a través do deserto de Marrocos. Laxe asegura que está feliz pola acollida do mundo do cine internacional. Cre que as imaxes desta historia removen algo no espectador.
"Francia é un país moi cartesiano e, con todo, non sabían analizar a película, cre que as imaxes teñen algo, que o espectador mira dentro das imaxes e pasa algo".
A distribuidora estadounidense Neon, que conseguiu premios Óscar para outros éxitos de Cannes, mercou a película do cineasta galego.
"E agora falan dos Óscar, un sitio no que nunca me proxectei".
'Sirat' chegará aos cines españois o 6 de xuño, pero antes Oliver Laxe quere mostrárllela aos seus conveciños e a todos os galegos.
"En Navia de Suarna, nos Ancares, onde estou empadroado, están todos os galegos convidados a vir ver a película".
