Óliver Laxe estrea oficialmente 'Sirat', cos seus veciños, na praza de Navia de Suarna
Horas despois de recoller o Premio do Xurado en Cannes, o cineasta galego colleu un avión e chegou a tempo para asistir á proxección na Praza do Concello de Navia de Suarna
Óliver Laxe, premio do Xurado en Cannes: "Subimos catro ligas de repente"
O director galego Óliver Laxe chegou este domingo á tarde a Navia de Suarna para asistir cos seus veciños á estrea oficial da súa película Sirat, galardoada en Cannes co Premio do Xurado.
"Moi feliz; estou canso, case perdo o avión, pero moi ledo, parece que hai xente", dicía o director de cine de Vilela, nos Ancares.
Horas despois de recoller o premio do xurado en Cannes, o cineasta galego colleu un avión e chegou a tempo de asistir á proxección na Praza do Concello da Pobra de Navia. Alí, amigos e veciños recibírono aínda con máis aplausos e cariño que en Cannes, malia que na cidade do cine francesa está ben claro que adoran o seu cinema. En Navia foron moitos máis que os sete minutos de aplausos en pé, como sucedeu durante a proxección no festival.
Oliver Laxe quixo que o primeiro pase público en España de Sirat, Premio do Xurado en Cannes, fose na súa terra, en Navia de Suarna, onde vive e ten as súas raíces familiares. Xa o fixo co seu anterior filme, O que arde, que tamén mostrou aos seus veciños antes da súa estrea nos cines. E tamén á volta do mesmo festival.
"Veremos neste espazo como se ve, xa é a segunda pelicula que estreamos aqui; 'O que arde' tamén, e fora precioso, viñera xente de toda Galicia".
Laxe saudou e agradeceu a asistencia á proxección do conselleiro de Cultura e os líderes do BNG e do PSdeG.
"Todas estas autoridades e facer da periferia centro, que me gusta, e tamén fortalecer o eixo oriental...".
Sirat chegará aos cines de toda España o 6 de xuño.
"O seu traballo dálle forza ao noso rural", di a deputada de Promoción do Territorio
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, agradeceu ao cineasta naviego "por levar o nome de Navia e da provincia Lugo tan alto".
"Tamén por lembrar que desde aquí tamén se pode soñar en grande. O seu traballo dálle forza ao noso rural, ao noso idioma e á nosa forma de estar no mundo", subliñou a deputada.
