Publicador de contidos

Publicador de contidos

As comunidades autónomas menos poboadas alzan a voz por un financiamento con criterio demográfico

As comunidades autónomas menos poboadas alzan a voz por un financiamento con criterio demográfico

Foto de familia na praza do Obradoiro dos oito presidentes autonómicos reunidos no Foro Santiago
G24.gal 22/11/2021 20:33

Os oito presidentes autonómicos reunidos este martes no cumio de Santiago de Compostela asinaron unha declaración institucional cun total de 35 puntos en que fixaron unha posición común en materia de financiamento autonómico e despoboamento, entre outras materias.

Así o rubricaron os presidentes de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura, Asturias, A Rioxa e Cantabria nunha declaración conxunta en que trasladan a necesidade de que España conte cun novo sistema de financiamento autonómico que teña en conta, en maior medida, criterios demográficos para responder con eficacia e equidade as necesidades do conxunto dos cidadáns, vivan onde vivan.

Os oito presidentes reclamaron "transparencia" no debate sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico, que piden que "só" sexa "froito dun consenso multilateral" no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).  

Piden que se teñan en conta todas as necesidades e posicións de todas as administracións afectadas, reclaman que as decisións relativas ao financiamento autonómico queden "á marxe dos lexítimos espazos bilaterais entre o Goberno central e cada comunidade".  

No arranque do documento, as oito comunidades reivindican que comparten "intereses comúns, que nacen das súas características socioldemográficas, económicas e históricas", e remarcan o papel das autonomías e o traballo que deben realizar en "estreita coordinación" co Goberno central e "con absoluta lealdade aos intereses xerais".  

No texto alúdese á "emerxencia demográfica" e exemplifícase con que as oito comunidades supoñen un 61,97 % da superficie española e un 24,13 % da súa poboación.  

"Estas cifras dan testemuño da dispersión e o despoboamento que marcan a súa estrutura demográfica e impoñen retos específicos ás súas administracións, que deben prestar aos españois que viven nelas os servizos públicos coas máximas condicións de calidade e en igualdade co resto dos cidadáns do país", agrega, á vez que incide en que o novo modelo de financiamento autonómico debe ser froito "da colaboración activa e leal" de todas as administracións.  

Neste sentido, expresan a súa vontade de consenso, pero advirten de que "o modelo resultante das negociacións deberá respectar a igualdade de todos os españois protexida pola Constitución, así como rexeitar "privilexios económicos ou sociais como recolle o artigo 138 da Carta Magna". "Defendemos e perseguimos un desenvolvemento social e económico equilibrado, coa aspiración de que calquera persoa en España teña as mesmas oportunidades", constatan.

Principios básicos para no novo financiamento

Asignación de recursos entre as comunidades autónomas: debe ter como "obxectivo inescusable" que todas poidan prestar servizos similares con independencia da capacidade de cada unha para xerar ingresos tributarios.

Reforzar o principio de suficiencia: sobre todo naqueles supostos en que os ingresos non evolucionen de forma homoxénea.

Creación dun catálogo de servizos cuxo financiamento estea asegurado.

Corrixir os déficits de financiamento dotando o sistema autonómico de maiores recursos.

Que ningunha comunidade reciba menos financiamento como consecuencia da modificación do sistema.

Que as necesidades de financiamento das autonomías se fixen atendendo aos factores determinantes das súas necesidades de gasto reais: ademais dos custos fixos, a dispersión, baixa densidade, orografía ou envellecemento.

Avaliación dos gastos destinados a educación, sanidade e servizos sociais, dado o seu elevado peso relativo en todas as zonas.

Que a sanidade pública e a súa dinámica de crecemento de gasto sexa obxecto dunha análise especial.

Estudar de forma diferenciada o efecto da aplicación da Lei de dependencia.

Atención a criterios que permitan impulsar o reequilibrio territorial entre zonas densamente poboadas e outras en declive demográfico.

Lealdade institucional e seguridade xurídica desde o principio.

Valoración de recursos adicionais decisivos para garantir o desenvolvemento das comunidades autónomas.

Consolidar a recuperación económica cos fondos europeos.

Transición cara a un modelo máis verde e sostible.

Asignación de recursos do Mecanismo de recuperación e resiliencia para financiar proxectos públicos e privados que garantan unha saída cohesionada da crise.

Que non compita a asignación de recursos da política de cohesión coa repartición dos fondos de recuperación, de modo que se asegure a complementariedade.

Cogobernanza multinivel realmente efectiva mediante unha maior capacidade de decisión para as autonomías na asignación de fondos. Que o Goberno cumpra o seu compromiso de dedicar o 50 % dos fondos que se reciban da UE ás autonomías.

Minuto a minuto

13:14

Comezan as intervencións

13:14

Fernández Mañueco, presidente de Castela e León, di que hai dúas cuestións que os une a todos, a vontade de consenso e a vontade de colocar os desafíos demográficos vencellados ao financiamento autonómico.

13:21

"Todas as persoas deben recibir os mesmos servizos, vivamos onde vivamos. É a base da xustiza social", di o presidente de Castela e León.

13:23

Fernández Vara, presidente de Estremadura, cre que "a pandemia puxo a proba a capacidade do Sistema Nacional de Saúde nun momento de máximo estrés, e é moi importante que falemos de que sanidade queremos. E agora que falamos de financiamento, temos que pensar canto custa o que queremos ter".

13:26

"O despoboamento non ten unha fácil solución", di o presidente estremeño, que apunta ao traballo e vivenda digna como pasos nese sentido. 

13:29

Emiliano García-Page, presidente de Castela-A Mancha, di que "fixemos entre todos un esforzo por compoñer un documento que suma". "Isto non é postureo", asegura.

13:30

"Isto non se fai contra ninguén", di García-Page.

13:33

Javier Lambán, presidente de Aragón, di que "nunha España en que o frontismo se enseñora, oito comunidades demostran que se pode facer política deixando atrás ese frontismo".

13:38

"Despoboamento e financiamento non deixan de ser dúas caras da mesma moeda. Eu non creo nas fórmulas máxicas. O despoboamento debe combaterse con medidas concretas, e a máis eficaz de todas é un bo financiamento dos servizos", afirma Lambán.

13:42

Concepción Andreu, presidenta da Rioxa, di que "o centro é a cidadanía e trátase de afrontar o reto demográfico en todas as súas variantes". 

13:47

Adrián Barbón, presidente do principado de Asturias, fala de tres liñas para definir o que foi o encontro: "A normalidade, porque nun Estado composto que presidentes de distintos signos poidan compartir espazos é algo normal; o consenso, entre nós, pero que favorece consensos; e o futuro, porque abordar o financiamento é abordar o futuro do estado do benestar".

13:52

"A nosa posición é clara, o que defendemos non é que teñamos máis posibilidades, senón que os servizos que se ofertan teñan a mesma calidade onde sexa que se ofreza", di o presidente de Asturias. "Non pedimos privilexios, senón que se garanta a prestación de servizos".

13:54

Miguel Ángel Revilla, presidente cántabro, di que "a foto do que está aquí é o que nos ten que quedar na cabeza, que é o gran desastre e España. Os que estamos aquí somos o 64 por cento do territorio español, e somos o 22 por cento da poboación. É unha catástrofe sinalada desde Europa. Este é o país peor articulado territorialmente".

13:56

"Os políticos están condicionados polos votos, e están onde vive moita xente, nas grandes cidades", di Revilla, quen ademais pon sobre a mesa a cuestión do lobo.

14:00

Alberto Núñez Feijóo, presidente de Galicia, di que "nesta praza do Obradoiro relativizáronse as procedencias, as ideoloxías, as lóxicas discordancias a prol dunha unidade".

14:04

"Fomos capaces de chegar a acordos. Contribuímos a prestixiar as institucións. Hoxe non é noticia a lea, senón o diálogo", di Feijóo.

14:06

"Aquí facemos estado desde as autonomías. E aí estivemos sempre", di o presidente da Xunta. "Isto non é unha fronte contra ninguén".

14:09

"Creo que é moi importante o peso da sanidade. Sabemos perfectamente que non é o mesmo atender unha persoa de 85 anos que unha de 18", asegura Feijóo. 

14:12

"A cuestión demográfica é unha cuestión institucional", di Núñez Feijóo. 

14:14

Feijóo reivindica este foro, que di que "o único que quere é ser útil".

14:17

Finalizan as intervencións dos oito presidentes reunidos en Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos