O xulgado envía a prisión o home que acoitelou unha muller en Marín
Segundo as autoridades, o investigado presenta patoloxías psiquiátricas, pero pese a iso a xuíza decidiu que ingrese nun centro penitenciario

O Xulgado de Instrución número 1 de Marín decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para o home de 50 anos que acoitelou en plena rúa a unha muller porque, segundo el mesmo dixo, mandárallo facer o diaño.
Está investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O presunto autor desta agresión, que se rexistrou o pasado luns na rúa Jaime Janer de Marín, pasou a disposición xudicial sobre as 11:20 horas de hoxe tras permanecer dúas noites nos calabozos da comisaría que a Policía Nacional ten nesta vila da ría de Pontevedra.
Ao home, que segundo as autoridades presenta patoloxías psiquiátricas, víase visiblemente debilitado e camiñando con dificultade. A pesar diso, a titular do xulgado decidiu que ingrese nun centro penitenciario.
A detención realizárase instantes despois de acoitelar á muller, algo que fixo, segundo explicou aos axentes, porque "o diaño díxome que tiña que matar a alguén".
Tras cruzarse coa vítima, coa que non consta que tivesen unha relación previa, apuñalouna varias veces por detrás usando un coitelo.
A muller, de 47 anos e veciña de Marín, segue ingresada en estado grave na UCI do Hospital Montecelo, en Pontevedra, aínda que xa fóra de perigo.
Fontes da investigación confirmaron a Efe que a Policía Nacional xa lle tomou declaración no hospital, pero non transcenderon detalles sobre o seu relato.