Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz empezará en setembro

O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz empezará en setembro

Aínda que a previsión inicial era comezar antes de verán, finalmente será máis tarde, debido aos trámites necesarios para a selección do xurado

O TSXG decretou excluír comentarios policiais sobre imaxes dos documentos aos que ten acceso o Tribunal do Xurado

Imaxe de aquivo dunha homenaxe a Samuel Imaxe de aquivo dunha homenaxe a Samuel
G24.gal 23/05/2024 17:31 Última actualización 23/05/2024 18:20

O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz, contra os cinco maiores de idade implicados tras as condenas dos dous menores, empezará en setembro. Dous dos acusados contan con agravantes de discrimicación homófoba.

Nun auto divulgado este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lémbrase que a causa vinculado ao asasinato ao mozo de 24 anos Samuel Luiz o 3 de xullo de 2021 chegou á Audiencia Provincial da Coruña a principios do mes de marzo.

Aínda que o cálculo inicial era que o xuízo se puidese celebrar antes do verán, e a pesar de seguir os prazos procesuais sen ningunha demora, non resulta posible finalizar as dilixencias necesarias para a elección do xurado popular antes do verán. Isto débese á cantidade de recursos que foron presentados polas partes e aos prazos legais para a súa tramitación,

O sorteo dos xurados debe realizarse como mínimo con 30 días de antelación á celebración do xuízo. Tras este trámite hai que resolver as escusas que se poidan expor, polo que a previsión é empezar o xuízo a principios de setembro.

O xurado non terá acceso aos comentarios policiais sobre as imaxes

Ademais, o TSXG ordenou excluír do material ao que poden ter acceso os membros do xurado popular os informes realizados por axentes policiais sobre o visionado de imaxes videográficas obtidas nas inmediacións do lugar dos feitos, así como eliminar a chamada "infografía forense".

Todo iso, sen prexuízo, aclara o auto, de que os axentes da Policía Nacional que participaron na investigación poidan ser interrogados no plenario sobre estes extremos. Os maxistrados do TSXG rexeitaron, por tanto, que deban incorporarse eses informes aos testemuños, encamiñados á preparación da celebración do xuízo oral.

Explican que non se lle dá traslado da totalidade da instrución, “senón que só, e por medio de testemuño, daquelas dilixencias que non poidan ser reproducidas no xuízo oral”. Desta forma, subliña que o contido dos ditames periciais, en canto non son susceptibles de ser reproducidos, “poden ser integrados no acervo probatorio a través do correspondente testemuño, sen prexuízo de que os peritos teñan a intervención que se considere no plenario”.

A Sala recalca que non se pode obviar “a necesidade de que os xurados vexan por si mesmos os libros, documentos, papeis e demais pezas de convicción”, á vez que reitera que lles corresponde, “sen interferencia algunha”, o exame das gravacións audiovisuais.

“Os comentarios e indicacións que sobre os mesmos leven a cabo terceiros non poden integrar o mesmo documento cando este é susceptible de ser apreciado polos xurados, sen que a eventual dificultade da súa consideración poida ser paliada coa introdución dos testemuños que procedan”, sinalan.

Advirten que todo iso está á marxe de que os axentes autores das dilixencias policiais de investigación poidan “comparecer no plenario e facilitar o seu testemuño e explicación merecida, ao seu xuízo, daquelas representacións gráficas e videográficas, detallando o contido da investigación policial e as súas conclusións”.

O TSXG asegura que as dilixencias policiais ás que fan referencia “distan de ser infografías”, pois destacan que nelas “non hai unha representación visual dunha realidade virtual, para cuxa confección si se precisarían determinados coñecementos científicos ou técnicos, senón mera glosa descritiva de determinadas imaxes”.

Por todo iso, conclúe que se deben excluír do contido dos testemuños “a chamada infografía forense, en canto a mesma contén comentarios ás súas imaxes efectuados polos axentes policiais”. O auto non é firme, pois contra el cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade