Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz arquiva o caso Niñera de Podemos por falta de indicios

O xuíz arquiva o caso Niñera de Podemos por falta de indicios

Non se acreditou que as exempregadas coidasen dos fillos menores de Irene Montero durante o tempo en que desempeñaban funcións pagadas con diñeiro público

O xuíz Escalonilla acordou o sobresemento unhas semanas despois de declarar como imputada unha antiga responsable do departamento de prensa do partido

G24.gal 29/07/2022 12:17

O xuíz arquivou a investigación aberta a unha asesora da ministra de Igualdade, Irene Montero, e unha exempregada de Podemos ao non acreditarse que estas coidasen dos seus fillos menores durante o tempo en que desempeñaban funcións pagadas con diñeiro público.

O titular do Xulgado de Instrución numero 52 de Madrid, Juan José Escalonilla, acordou o sobresemento do coñecido como caso Niñera unhas semanas despois de que lle tomara declaración como imputada a unha antiga responsable do departamento de prensa do partido.

Segundo o auto de arquivo, ao que tivo acceso Efe, non só non consta acreditado que as investigadas, Teresa Arévalo e Gara Santana, "se encargasen do coidado dos fillos" de Irene Montero e do exvicepresidente do Goberno Pablo Iglesias, senón que tampouco se constatou que "persoa algunha" o fixera mentres desempeñaba funcións remuneradas por Podemos ou polo erario público.

No caso da asesora da ministra, Teresa Arévalo, subliña que do feito de que se desprazase o 20 de outubro de 2019 a un acto electoral en Alacante con Irene Montero "non cabe inferir indicio algún acreditativo de que o desprazamento desta investigada fose para o coidado da súa filla, senón en cumprimento do cargo que tiña dentro do partido político no devandito momento".

Tampouco ve probas que avalen a declaración dunha exempregada de loxística de Podemos, que apuntou que Gara Santana tamén tivo que encargarse dos nenos de Irene Montero e Pablo Iglesias, unha versión que non pode erixirse "en indicio racional suficiente acreditativo", di o xuíz.

Esta causa naceu da denuncia da exresponsable de Cumprimento Normativo de Podemos, Mónica Carmona, que se negou perante o xulgado a desvelar a identidade da persoa que lle transmitiu a información e asegurou que non o investigou porque foi cesada.

É un dos procedementos que abriu o maxistrado en relación a Podemos, entre as que destaca o caso Neurona, onde investiga a contratación dunha consultora mexicana do mesmo nome para as eleccións xerais de 2019.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade