Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xoves pecha a peor campaña marisqueira e a máis breve da historia na ría de Noia

O xoves pecha a peor campaña marisqueira e a máis breve da historia na ría de Noia

Dous factores influíron na decisión de pechala: o biolóxico, pola escaseza de berberecho de tamaño comercial, e a facturación insuficiente

G24.gal 24/10/2023 13:44

A confraría de Noia decidiu pechar o próximo xoves a campaña marisqueira, unha semana despois da súa apertura. Finalmente cumpríronse os peores prognósticos, e o desánimo reflíctese a bordo de cada embarcación.

Pasará á historia como a peor campaña e a máis curta. Dous factores influíron na decisión de pechala: o biolóxico pola escaseza de berberecho de tamaño comercial e a facturación insuficiente. Pero desde a confraría apuntan ao encoro do Tambre e á empresa que o xestiona como responsables desta situación.

Santiago Cruz, o patrón maior, explica que a causa da escaseza de molusco de tamaño comercial remóntase ao mes de xaneiro e febreiro cando a empresa hidroeléctrica instalada no Tambre abriu as comportas do encoro e causou a mortaldade da cría. Agora pagan as consecuencias. Perderon o 80 po cento do berberecho e a metade da ameixa, como conta a bióloga da confraría, Liliana Solís pola escasa salinidade na auga.

A confraría xa cifra as perdas este ano en 14 millóns de euros. Repercute nas economías das 1.700 familias que viven desta actividade, pero tamén na comarca, porque se os mariscadores non teñen ingresos, non consumen nos negocios da bisbarra. Algúns poden acollerse ás axudas do paro, pero hai outros que non.

Agardan poder salvar a campaña do próximo ano con este peche, pero para iso piden que se regule a actividade do encoro e van solicitar unha xuntanza coa administración, os alcaldes, os afectados e os responsables da empresa para que esta situación non se repita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade