Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Xardín Botánico Artístico de Padrón é dos máis antigos de Galicia e dos máis descoñecidos

O Xardín Botánico Artístico de Padrón é dos máis antigos de Galicia e dos máis descoñecidos

O primeiro documento no que se fala del data de 1869

Os peregrinos do Camiño Portugués son os que máis o visitan

Unha das fontes que refrescan o Xardín Botánico de Padrón
G24.gal 12/04/2024 21:08 Última actualización 12/04/2024 21:22

A primavera e máis se é solleira é o tempo en que a natureza estoupa e o momento idóneo para percorrer algúns dos xardíns senlleiros de Galicia.

Un dos máis antigos é Xardín Botánico Artístico e Literario de Padrón con case 200 anos de historia.

Baixo unha das dúas sequoias vermellas centenarias sentaba a escribir Rosalía de Castro, cando ambas, árbore e poetisa, eran novas.

Polas súas árbores gabeaba para lles guindar mondas aos que pasaban un adolescente que sería Nobel da literatura, Camilo José Cela.

Todo ocorreu hai tempo nesta hectárea verde que ocupa o xardín, unha xoia vexetal e histórica por descubrir para moitos galegos, algo que o concello quere remediar como nos conta o seu técnico de Turismo, Alberto Rey.

"Un xardín literario vencellado á figura de Rosalía, Cela, Nicasio Pajares, Macías o Namorado ou o mesmo Castelao".

O primeiro documento que fala del data do 12 de maio de 1869 o que o converte nun dos máis antigos de Galicia. Varios dos seus exemplares están no catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

"A coroa de Cristo, as dúas sequoias vermellas dedicadas ao trobador Macías o Namorado e a Rosalía, e o carballo fastixiado".

Forma parte de varias xeracións de padroneses que, din, que quizais non o valoran como deberan.

Os bancos esparexidos nas sendas invitan a sentar e desfrutar da sombra, dos paxaros e da natureza. Entre eles, o banco dos Namorados, obra dun escultor padronés que lembra o que había nos anos 50 no que moitas parellas de Padrón moceaban.

"Todos coñecemos algunha parella que se coñeceu no banco", asegura Alberto Rey.

Por Padrón pasan 150.000 peregrinos e 40.000 turistas ao ano. A maioría dos seus visitantes son foráneos, pero tamén de escolas de toda Galicia, que no último mes, non fallaron nin un día.

Un xardín con intrahistoria que segue moi vivo con concertos, visitas teatralizadas e actos institucionais como o que acollerá o vindeiro domingo na memoria dos represaliados na Guerra Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade