Publicador de contidos
Publicador de contidos

O voo dos estorniños, un espectáculo da natureza de volta nas cidades galegas

O voo dos estorniños, un espectáculo da natureza de volta nas cidades galegas

Cada vez chegan menos exemplares desta ave migratoria. E os que veñen fano máis tarde e marchan antes

G24.gal 16/01/2024 21:56 Última actualización 16/01/2024 22:24

Cando chega a tardiña as bandadas de estorniños invaden o ceo das cidades e comeza o espectáculo.

O que a simple vista semella un sinxelo baile resulta ser unha coreografía estratéxica.

"Cando ven un predador intentan fuxir del compactando o grupo e cando están buscando un lugar onde pousar soen abrir a bandada", apunta Cosme Damian Romay, membro do Grupo Naturalista Hábitat e afeccionado á ornitoloxía. 

Damian explica por que estas aves elixen as zonas verdes das cidades para pasar as noites de inverno:

"Na cidade vai un pouquiño máis de calor que nos arredores. Se comprobamos pola noite a temperatura que hai na Coruña, probablemente estea dous ou tres ou  ata catro graos por riba da temperatura que hai ao mellor a cinco quilómetros no campo". 

Os exemplares de estorniño pinto que recalan en Galicia proceden principalmente das illas británicas.

E alí, no Reino Unido, esta especie está incluída na listaxe vermella de animais ameazados. A súa poboación diminuíu case un 60 % nos últimos 30 anos.

"Isto trasládase practicamente de xeito paralelo a un declive de arredor do 6 0% nos efectivos de estorniños que invernan na cidade da Coruña. Isto debería levarnos a reflexionar", engade Damian.

Cada vez chegan menos exemplares desta ave migratoria. E os que veñen fano máis tarde e marchan antes. 

Poderían ser posibles efectos do cambio climático. Quen sabe se nun futuro acabará por mudar tamén o espectáculo visual do voo dos estorniños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade