Sen pistas, logo de 11 días de busca, do home de 82 anos desaparecido en Boborás
Marcial Manteiga Beiras, veciño da aldea de Regueiro, padece alzhéimer e puido desorientarse
Desapareceu o pasado 1 de abril despois de ir espantar uns cabalos salvaxes
Aumenta a preocupación da familia porque minguan as posibilidades de atopalo con vida
Segundo van pasando os días redúcense as posibilidades de atopar con vida a Marcial Manteiga Beiras, de 82 anos, que desapareceu da aldea do Regueiro, no concello ourensán de Boborás.
Hoxe xusto fai 11 días desde que o viron por última vez e aumenta tamén a preocupación da familia, que di que o que queren é atopalo como sexa. "A esperanza nunca se pode perder, pero a familia está triste", di Avelino Prado, de Protección Civil de Boborás.
"Oxalá aparecese, aínda que fose vivo ou morto, polo menos descansaba a familia e el tamén", di unha familia de Regueiro.
Estes días todos non pararon de buscalo efectivos da Protección Civil e da Garda Civil, co helicóptero e os drons, por todos os montes de arredor nun radio duns 20 quilómetros e non se sabe nada do seu paradoiro.
Pero a intensa busca por terra e aire, centrada nos montes cara a onde se dirixiu Marcial para espantar uns cabalos salvaxes, non deu resultado.
Pacede alzhéimer e pensan que puido desorientarse. A preocupación vai en aumento. "É moi triste que levamos xa unha semana e pico e que non se saiba nada de nada... Máis buscado que está por todos os medios, non pode estar máis buscado", di unha veciña.
"Está todo rastrexado, todo por aí e non se atopa rastro, nada, nin un zapato, nin unha viseira que levaba, nin unha vara que levaba, nada de nada isto é unha cousa como se o tragara a terra", asegura outra veciña de Regueiro.