O veciño conflitivo de Vilanova suma outra denuncia por intimidar unha adolescente
Cortoulle o paso coa moto nunha rúa peonil do centro da vila, unha actitude repetida, segundo denuncian os veciños
É o mesmo home que hai un mes ameazou cunha machada un veciño do mesmo edificio
Fixera plans cunha amiga que se truncaron antes xa de empezar.
"Baixou e xa o veu vir coa moto. Ela empezou a mirar porque xa sabe o que hai, que xa tivo varios encontros con el pero sen importancia. Veuno vir e xa entrou coa moto do revés, freando, derrapando e cortándolle o paso", relata o pai da vítima.
Pouco lle importou que fora unha rúa peonil. A rapaza botou a correr ata a porta da igrexa, onde estaba a amiga, e sorte doutro home que o espantou. Salvou, pero quedoulle o susto no corpo.
"Estivo unha amiga calmándoa, que é a súa mellor amiga, e moi ben pero hoxe xa nada. Non estaba a amiga e quixo quedar na casa, estaba un pouco máis asustada. Vese que lle ten algo de respecto e de medo porque vivimos case en liña recta, a cen ou 150 metros del", engade o home.
Chove sobre mollado.
"Hai amigas miñas ás que perseguiu, acosou e molestou".
Contábanolo hai un mes un rapaz, despois de que ameazara a outro veciño cunha machada. Aquel foi un dos episodios máis impactantes, con gravación incluída, pero non o único. Este home acumula ducias de denuncias, sobre todo por seguir e intimidar mulleres e rapazas.
"É un home que sae cunha machada ameazando os veciños, que ten obsesión con certas rapazas. De feito, hai un mes estaba cun albanel facendo unha obra na casa e pasaron unhas rapaciñas de Vilaxoán co patinete e el debeu de fichar a hora á que pasaban que despois todos os días lles facía 'a espera' e ía detrás das rapazas".
"E outra xente que me estivo comentando que o outro día ía unha rapaza co home, que ían cara á casa e que el lle deu coa palma da man en todo o cu. Outro véñenme dicindo que xa o denunciaran hai anos e que tiveron que volver denuncialo", lamenta o pai.
Teñen medo, pero tamén hai indignación porque nunca pasa nada, advirten, ata que pasa.