Publicador de contidos

Publicador de contidos

O valente xesto de dous comerciantes da Coruña evitou que un incendio nun bar rematase en traxedia

O valente xesto de dous comerciantes da Coruña evitou que un incendio nun bar rematase en traxedia

Atoparon a propietaria do negocio detrás da barra tirada no chan

Foi trasladada en ambulancia por inhalación de fume

G24.gal 20/02/2026 14:42

Nunha cafetería da rúa Enrique Dequidt foi onde se orixinou o lume contra as dúas e media da tarde deste xoves. Daquela, a reixa estaba practicamente baixada e do interior saía unha densa fumareda, que foi o que alertou os comerciantes lindeiros. 

"Eu escoitaba ruídos, pero non respondía ninguén. Chamei a rapaza por teléfono e non me colleu", explica Gerardo Amarelle, un comerciante da zona.

"E aí foi cando nos comezamos a desesperar. E comezaron a caer vasos dentro do local", engade Yoselí Andrea Díaz, comerciante.

Así que, sen pensalo dúas veces, subiron a reixa.

"Vin unha mesa en lapas onde había unha papeleira de papel. Prendeu rápido", di Gerardo. "Saíu moito fume negro e o cheiro era insoportable", manifesta Yoselín.

Sen perder un intre, Gerardo achegouse ata a cafetería lindeira á procura dun extintor, co que conseguiu sufocar as lapas antes de que chegasen os bombeiros, aos que xa estaban chamando os veciños. Entrementres, Yoselín trataba de socorrer a vítima.

"Eu entrei por ela. Estaba tirada detrás da barra e todo cheo de fume. Non podía respirar ben", di a moza.

"Sacámola para fóra e sentámola. Déronlle un pouco de auga e comezou a desvariar", comenta Gerardo. 

Grazas ao seu valente xesto, o lume non foi o máis e a muller foi rescatada a tempo.

"Se non chegamos nós, sería moito peor", afirma Yoselí. "Do 15005. Heroes sen capa. Por sorte, non foi a máis", conclúe Gerardo.

A propietaria do negocio tivo que ser trasladada nunha ambulancia a un centro hospitalario por inhalación de fume. Amais terá que recuperarse tamén do tremendo susto que lle tocou protagonizar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade