Publicador de contidos
Publicador de contidos

O uso dos triángulos deixa de ser obrigatorio en autoestradas e autovías

O uso dos triángulos deixa de ser obrigatorio en autoestradas e autovías

En 2022 un total de 42 persoas faleceron por baixar do vehículo en vías de alta capacidade

G24.gal 01/07/2023 08:14 Última actualización 01/07/2023 09:10

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) eximirá do uso dos triángulos en autoestradas e autovías a partir deste sábado, 1 de xullo, en caso de detención do vehículo por causa de accidente ou avaría.

Con todo, o seu uso segue sendo obrigatorio cando estas circunstancias se produzan en vías convencionais.

A institución acordou a medida tras constatar un elevado número de persoas falecidas en vías de alta capacidade por atropelo, ao tentaren reparar unha avaría ou colocar e retirar os triángulos de sinalización.

A DXT lembra que no Reino Unido xa se eliminou o uso dos triángulos en vías rápidas e noutros países están a estudalo. A medida foi avanzada o martes pasado polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro.

"Para este verán estamos a estudar a ver se podemos facelo xuridicamente", dixo Navarro, que explicou que se mandaría unha instrución ás policías coa medida.

Neste sentido, lembrou que en 2022 un total de 42 persoas foron vítimas de sinistros viarios por baixaren do vehículo.

"Algo había que facer. Baixar e poñer o triangulo a 50 metros é un risco e máis en estradas de alta velocidade, que hai moito tráfico", afirmou.

En todo caso, sinalou que esta medida afecta só a aqueles que non contan xa co sinal V16 (dispositivo xa dispoñible pero que non será obrigatorio ata o 1 de xaneiro de 2026) para autoestradas e autovías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade