O Ulster arde en disturbios contra migrantes tras acoitelar un sudanés a outro home
Un ataque prepetrado por un cidadán sudanés, que acoitelou un home en Belfast, eleva a tensión no Norte de Irlanda
As autoridades norirlandesas culpan a ultradereita dos disturbios e chaman á calma
Starmer di que non tolerará a violencia contra persoas pola súa orixe
O acoitelamento dun home en Belfast, cometido por un cidadán sudanés, foi o desencadeante dos disturbios que nos últimos dous días se veñen repetindo na capital do Norte de Irlanda e noutras áreas da provincia.
A Policía norirlandesa (PSNI) confirmou que Stephen Ogilvie, un home duns 40 anos foi apuñalado o luns a noite sen motivo aparente. Está hospitalizado con "feridas importantes" na cara, pescozo e costas. Un individuo de nacionalidade sudanesa de 30 anos, de nome Hadi Alodid, que foi detido por suposto intento de homicidio e posesión de arma branca e que xa compareceu nun xulgado e enviado a prisión preventiva.
A partir de aí sucedéronse os acontecementos. Varias cidades do Ulster foron escenario de protestas violentas, sendo Belfast o epicentro dos peores disturbios.
As redes sociais amosaron imaxes e vídeos demasiado gráficos do suceso, co agresor sobre o agredido tratando, ao parecer, de decapitalo.
"Todo o Reino Unido bótase ás rúas esta tarde ás 7 da tarde despois dun novo ataque dos invasores contra o noso pobo", escribiu onte na súa conta de X o activista de extrema dereita inglés Tommy Robinson.
A súa publicación, rechouchiada polo propio dono desa rede social, o oligarca Elon Musk, incluía dous pósteres cunha longa lista de localidades de Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte onde debían convocarse manifestacións.
Entre outras, ademais de Belfast ou Derry, figuraba tamén Ballymena (ao norte do Ulster), escenario o pasado ano de violentas protestas relacionadas cunha presunta agresión sexual e que derivaron en ataques contra vivendas, negocios e persoas de comunidades inmigrantes e minorías étnicas.
O seguinte xa foi ver mozos violentos, moitos encapuchados, incendiando vehículos, autobuses e vivendas.
O servizo de bombeiros de Irlanda do Norte chegou a rexistrar entre as 19:00 horas e a medianoite 256 chamadas e 62 actuacións sobre o terreo, a maioría na capital da rexión, onde necesitou 21 unidades adicionais para facer fronte ás emerxencias.
Nun inusual comunicado conxunto, este martes os dirixentes do Sinn Féin, Partido Democrático Unionista (DUP), Alianza, Partido Unionista do Ulster (UUP) e Partido Socialdemócrata e Laborista (SDLP) declaráronse "unidos" na condena deste "horrible incidente".
"Non hai lugar na nosa sociedade para este tipo de brutalidade", pero reiteraron o seu compromiso para garantir que "a violencia e o odio, en calquera das súas formas" non xeren división: "Pedimos calma e que se permita o espazo necesario para que a Xustiza siga o seu curso".
Este mércores a minista norirlandesa de Xustiza, Naomi Long, acusaba a extrema dereita de alentar a tensión racial. "Isto é a pura definición de racismo", declarou.
A líder do Sinn Féin e ministra principal norirlandesa, Michelle O'Neill, describiu os disturbios como simple delincuencia e cualificou de "covardía repugnante" as accións de homes encapuchados que expulsan a familias dos seus fogares mediante incendios.
Pola súa parte, o primeiro ministro británico, Keir Starmer, cualificou este mércores de "inaceptables" os disturbios, e dixo que non se tolerará a violencia contra persoas "pola súa orixe".
"As escenas de onte á noite en Belfast foron impactantes e completamente inaceptables. Non hai xustificación para a violencia e a desorde que presenciamos, que ameazaron ás nosas comunidades, nin para quen os incitou, xa sexa en liña ou en calquera outro lugar. É evidente que onte á noite se atacou a persoas pola súa orixe e non o tolerarei", afirmou Starmer na súa conta da rede X.
Un auxe recente de protestas
Estes incidentes, protagonizados habitualmente por grupo de individuos encapuchados, xa non son feitos illados no Reino Unido.
A principios deste mes, centos de persoas congregáronse ante a comisaría central de Southampton, no sur de Inglaterra, para protestar pola resposta policial ao asasinato de Henry Nowak, un estudante británico-polaco apuñalado por un mozo de relixión sij o pasado decembro.
Ata once policías resultaron feridos neses altercados, nos que participaron con arengas á multitude tanto Robinson como outro coñecido extremista, Laurence Fox.
"O que me angustia e me preocupa é que hai persoas que, ata onte, terían dificultades para atopar Belfast nun mapa, e que agora están na internet compartindo mensaxes de incitación e alento á violencia, utilizando o medo xenuíno que a xente sente polo ocorrido para intentar converter isto nalgún tipo de cuestión antiinmigración ou nunha protesta racista", declarou hoxe a ministra norirlandesa de Xustiza.
A líder do multiconfesional Partido Alianza asegurou que tanto o suposto agresor de Ogilvie como os violentos pagarán nos tribunais con penas de cárcere, en previsión de que se repitan as protestas durante as próximas noites.
A PSNI informou hoxe de que detivo a un home de 39 anos pola súa relación con estas protestas violentas, aínda que prevé que haberá máis detencións.