O TSXG confirma a condena ao alcalde de Verín por un delito contra a ordenación do territorio
Seoane recorrerá ao Supremo e insiste en que as obras contaban con amparo legal
Auiencia Provincial de Ourense / Europa Press / Foto de arquivo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de dous anos de prisión imposta ao alcalde de Verín, Gerardo Seoane, por un delito contra a ordenación do territorio e desestimou o recurso presentado polo rexedor contra a sentenza da Audiencia Provinical de Ourense.
O alto tribunal considera probado que Seoane promoveu en 2019 unhas obras na contorna protexida da igrexa de San Bartolomeu, catalogada como ben patrimonial, sen o perceptivo proxecto técnico e malia que a Consellería de Cultura ordenara a paralización cautelar dos traballos.
A sentenza sinala que o alcalde actuou "de forma unilateral e á marxe da legalidade" e que tentou regularizar posteriormente unhas actuacións que xa eran "radicalmente ilegais". Ao mesmo tempo, o TSXG tamén rexeita o recurso da Fiscalía e descarta que os feitos constitúan un delito de prevaricación urbanística.
Ademais da pena de prisión, a resolución impón ao rexedor unha multa de 2.500 euros e un ano de inhabilitación para exercer como promotor de obras. Esta condena impídelle presentarse ás próximas eleccións municipais.
A sentenza aínda pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.