O Tribunal Supremo avala a legalidade do plan especial da cidade deportiva do Celta
Para o equipo de goberno de Mos, a inadmisión do recurso supón “un aval definitivo” dos tribunais ao proxecto do Celta

O Tribunal Supremo inadmitiu a trámite o recurso presentado pola Comunidade de Montes Veciñais de Tameiga contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 20 de maio de 2024, que xa desestimara o recurso contra o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a Cidade Deportiva do Celta en Mos (Pontevedra).
A inadmisión do Tribunal Supremo baséase na falta de fundamentación suficiente por parte da parte recorrente, o que evidencia que non existía interese casacional nin infracción xurídica relevante. A Sala do contencioso-administrativo do Alto Tribunal confirma así que os argumentos da Comunidade de Montes carecen de base porque están "centrados en cuestións de feito xa resoltas pola xustiza galega", informou este mércores o concello de Mos.
Para o equipo de goberno de Mos, a inadmisión do recurso supón “un aval definitivo” dos tribunais ao proxecto do Celta e confirma que non queda “ningún camiño legal aberto” para impugnalo, polo que o Plan Especial queda plenamente apoiado pola xustiza.