Publicador de contidos

Publicador de contidos

O "toque de non queda" e as limitacións na hostalería poden decaer esta semana

O "toque de non queda" e as limitacións na hostalería poden decaer esta semana

O comité clínico tamén estudará este martes o protocolo para o Entroido

G24.gal 23/01/2022 14:52

Todo apunta a que comezamos a dobregar esta sexta vaga, e isto podería traducirse nun alivio das restricións. O comité clínico será quen decida, pero semella que o toque de non queda e as limitacións horarias que se implantaron antes do Nadal en bares, cafeterías, restaurantes e tamén en locais de ocio nocturno poderían ter os días contados. 

O vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda dixo este domingo nunha entrevista na Radio Galega que esas medidas foron tomadas nun momento de "máis interacción" e cos casos de covid–19 subindo con "moita velocidade". Son restricións "moi concretas e o lóxico sería que fosen as primeiras que se considerase reducir", matizou Rueda. 

Con algunhas celebracións do Entroido xa canceladas, os expertos van acordar un protocolo para regular estes festexos. Máscaras, distancia e uso de espazos exteriores son as claves. O borrador que vai analizar o comité este martes é "sinxelo e non pon medidas diferentes ás que xa coñecemos", explicou Alfonso Rueda.

Os expertos tamén van decidir o número máximo de persoas que se poderán xuntar no interior durante este Entroido, que xa asoma o fociño. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade