Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda prevé que se levanten as restricións na hostalería esta semana

Rueda prevé que se levanten as restricións na hostalería esta semana

O vicepresidente primeiro da Xunta confirma que xa está redactado o borrador do protocolo para o Entroido 

Fai un balance moi positivo de FITUR e avanza que o obxectivo para 2022 é consolidar o turismo nacional e atraer o internacional

Avanza que a reedición do bono turístico se fará só para temporada baixa e cun maior custo para os usuarios

G24.gal 23/01/2022 10:24

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, prevé que o comité clínico que se reúne a semana que vén levante as restricións de xuntanzas entre non conviventes nas madrugadas das fins de semana (o denominado toque de non queda) e tamén algunhas das medidas que rexen nestes momentos na hostalaría tanto diurna coma nocturna.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, apela a agardar a confirmación da estabilización dos datos pero xulga oportuno eliminar estas restricións ao estaren pensadas para momentos concretos como foron as festas do Nadal. 

"Ese tipo de medidas (o denominado "toque de non queda") necesitaron no seu momento do aval do Tribunal Superior de Xustiza, que o deu en atención ás circunstancias especialmente complicadas que había naquel momento. Por tanto, se esas circunstancias varían para mellor, loxicamente xa non terían sentido este tipo de medidas, que ademais foron tomadas pensando nun momento en que había moitas máis interaccións e se saía de noite ata máis altas horas polos días festivos. Eu agardo que esas medidas, se se poden empezar a diminuír, sexan as primeiras que se poidan levantar".

Rueda tamén confirma que xa está "redactado o borrador" do protocolo para o Entroido. Admite que aínda faltan días para esa data pero recoñece que xa "vai habendo celebracións" en zonas de Galicia como a provincia de Ourense e "é necesario regulalo".

Así mesmo asegura que se trata dun borrador "sinxelo e que non pon medidas diferentes" ás xa coñecidas. Segundo salienta, queren "intentar ser o menos restritivos posible". 

Xestión da pandemia

O vicepresidente primeiro da Xunta critica a actitude do Goberno central á hora de coordinar esta fase da pandemia, na súa opinión, "lamentable" porque "non queren saber nada".

Explica que se dá unha imaxe en que cada comunidade "ten un sistema de cómputo" dos casos diferente e tamén cuestiona que non estea unificado o sistema de baixas laborais. 

Fitur e bono turístico

Alfonso Rueda, responsable de Turismo da Xunta, fai un balance "moi positivo" da experiencia da promoción de Galicia na actual edición de FITUR (a Feira Internacional de Turismo), onde o posto da Xunta foi premiado, entre os de todas as comunidades, e lamenta a actitude do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra por non usalo para facer os seus actos. "Espectáculo lamentable e difícil de entender", na opinión de Rueda.

Segundo apunta, as perspectivas para este ano en materia de turismo son moito "mellores", consonte os testemuños que recadaron entre os profesionais. 

A idea da Xunta, asegura, é seguir apostando pola imaxe de Galicia como destino seguro. Para o 2022 marca como obxectivo "consolidar o auxe do turismo nacional" confirmado o ano pasado, e ir agora polos turistas internacionais.

Rueda tamén lembra a intención da Xunta de volver repetir a posta en marcha do bono turístico para este ano, dado o seu éxito en edicións anteriores. O que si aclara é que será con condicións diferentes. 

"Repetilo este ano, é certo que noutras condicións, por exemplo, centrado nos meses de temporada máis baixa turisticamente para manter o nivel de demanda, e probablemente cuns niveis de cofinanciamento, os solicitantes do bono terán que achegar unha porcentaxe maior á deste ano, que era dun corenta por cento". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade