Publicador de contidos

Publicador de contidos

O temporal deixa máis de 150 incidencias en Galicia

O temporal deixa máis de 150 incidencias en Galicia

A borrasca Bram mantén en alerta laranxa boa parte do litoral atlántico e deixa refachos de ata 150 km/h

Mantéñense baixo observación varios leitos das provincias da Coruña e Pontevedra

A inestabilidade dos cantís e o temporal causan un desprendemento en Valdoviño

(Imaxe directo: cámara web Muxía)
G24.gal 09/12/2025 11:15 Última actualización 09/12/2025 14:35

O temporal de vento que afecta este martes a Galicia, onde se activou a alerta laranxa, provocou máis de 150 incidencias, a maioría relacionadas con caídas de árbores ou pólas en vías de circulación e coa Coruña como a provincia máis castigada.

O 112 Galicia informou de que 91 intervencións dos servizos de emerxencia tiveron que ver con caída de árbores ou pólas, 24 con accións de prevención de risco e outras tantas con cables, postes e carteis en vías de circulación. A provincia da Coruña rexistrou 85 incidencias, seguida polas de Lugo (44) e Pontevedra (36). Por municipios, os máis afectados foron Vigo, con 19 incidencias; Burela, con 9; Ribeira, con 8; A Coruña, con 6, e Mondoñedo, tamén con 6.

O 112 destacou algúns dos incidentes rexistrados, como o accidente que sufriu un coche pouco antes das 21:00 horas do luns en Abegondo ao chocar contra unha árbore, aínda que só se produciron danos materiais. Tamén o luns, en Culleredo, unha persoa quedou ferida despois de que a un vehículo lle caese unha árbore encima, con catro turismos implicados, e en Viveiro caeu parte dunha fachada dunha residencia de maiores polo vento, sen ferir a ninguén.

Xa este martes, durante a madrugada, deuse aviso dun contedor sobre un turismo na rúa de José Echegaray e un sinal caído sobre un coche na rúa de Forcarei, ambas na Coruña.

Ao redor das 06:00 horas, un turismo sufriu aquaplaning na estrada e foise contra a mediana na AP-9 en Santiago, aínda que do mesmo xeito que nos anteriores accidentes tampouco houbo persoas feridas.

Por último, ao redor das 07:30 horas, un particular informou de que lle caera encima un anaco dunha fachada na rúa do Campo da Estrada, na Coruña, e foi preciso solicitar a intervención das urxencias sanitarias.

O 112 Galicia sinalou que se mantén activo o plan especial de protección civil ante o risco de inundacións (Inungal), con varias estacións baixo observación. Na provincia da Coruña son a de Cambeda en Vimianzo, Xallas en Santa Comba, Sar en Bertamiráns e Ames e a de Balsa en Cabana de Bergantiños, e na de Pontevedra, a de Miñor en Gondomar, Lérez en Pontevedra, Cabeiro en Redondela e Tamuxe no Rosal.

Galicia está este martes en alerta laranxa por vento e mar bravo e a Xunta suspendeu actividades ao aire libre en centros escolares dunha vintena de municipios coruñeses e a actividade deportiva e federada ao aire libre e no mar en varios puntos do país. 

A borrasca Bram deixou nas últimas horas refachos de vento de máis de 150 quilómetros por hora na Costa da Morte e na Mariña. Ás 06:50 horas, a estación da Gándara mediu en Vimianzo un refacho de 150,6 quilómetros por hora, a mesma magnitude que rexistrou a estación de Penedo do Galo en Viveiro ás 02:20 horas.

O vento estivo acompañado de choivas en moitos puntos e os maiores acumulados diarios rexistráronse en Santa Comba, con 71,2 litros por metro cadrado; Rois, con 56,8 litros por metro cadrado, e Tui con 52,3 litros por metro cadrado.

A situación meteorolóxica levou os concellos afectados a adoptaren medidas preventivas. Por exemplo, a cidade de Santiago manterá pechados os seus parques, do mesmo xeito que a de Vigo, cuxo Concello tamén cancelou as actividades municipais ao aire libre e avisou de que, se a situación se mantén ás 17:00 horas, non se poñerá en marcha a nora de Nadal.

Na Coruña, ademais dos parques, xardíns e instalacións municipais ao aire libre, permanecerán pechados tamén o mercado de Nadal de María Pita e o mercado dos Mallos.

O Concello de Corcubión informou da caída dunha árbore de grandes dimensións na estrada CP-2801, o cal obrigou a cortar esta vía ao seu paso polo lugar da Redonda, e pediu que se extremen as precaucións nas estradas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade