O Supremo sentencia que a xestación subrogada vulnera os dereitos da nai e do neno
O Supremo conclúe que o recoñecemento da nai non biolóxica co neno debe obterse pola vía da adopción
"Supón un dano ao interese superior do menor e unha explotación da muller que é inaceptable", di o Tribunal Supremo

O Tribunal Supremo declara nulos de pleno dereito os contratos de subrogación, por vulnerar os dereitos fundamentais da muller xestante e do fillo xestado, e conclúe que o recoñecemento da relación de filiación coa nai non biolóxica debe obterse pola vía da adopción.
O pleno da Sala do Civil do Tribunal Supremo resolveu así o recurso da Fiscalía contra unha decisión da Audiencia de Madrid que determinou que unha nai non biolóxica era a proxenitora dun menor nado en México, froito dun contrato de xestación por substitución.
O Alto Tribunal xa estableceu en 2013 que estes contratos vulneran os dereitos da nai de substitución e do fillo, pero daquela tratábase do caso dun bebé inscrito no rexistro de California (EUA). Agora conclúe que o contrato "supón un dano ao interese superior do menor e unha explotación da muller que é inaceptable".
"Ambos son tratados como meros obxectos, non como persoas dotadas da dignidade da súa condición de seres humanos e dos dereitos fundamentais inherentes a esa dignidade", conclúe.
Tribunal Supremo subliña que o recoñecemento da relación de filiación coa nai non biolóxica debe obterse pola vía da adopción.