Román Rodríguez: "A educación pública galega conta con 32.712 docentes, 956 máis que o curso pasado"
Román Rodríguez: "A educación pública galega conta con 32.712 docentes, 956 máis que o curso pasado"
O conselleiro de Educación salienta nunha entrevista na Radio Galega que esta cifra récord se produce malia á redución de alumnos derivada da caída da natalidade
Nos tres últimos cursos, desde a sinatura do acordo de mellora cos sindicatos, o número incrementouse en máis de 1.600
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou este sábado nunha entrevista na Radio Galega que o sistema educativo público galego conta xa con 32.712 docentes.
Esta cifra récord supón 956 profesionais máis ca o ano pasado. Nos tres últimos cursos, desde a sinatura do acordo de mellora educativa cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT, ao que despois se sumou CSIF, o número de profesores medrou nas aulas galegas en máis de 1.600.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou que o crecemento da cifra de profesorado “vai contribuír á redución de ratios e a mellorar a atención ao alumnado e, por extensión, a calidade educativa”.
Neste sentido, lembrou que este mesmo ano se asinou unha addenda ao devandito acordo para a reorganización do horario en Secundaria, o que permite incorporar só neste etapa 900 profesores, “dos que 150 están especializados en atención á diversidade”, é dicir, son especialistas en Pedagoxía Terapéutica e orientadores, o que redunda nunha atención máis individualizada para o alumnado.
Neste sentido, Román Rodríguez destacou que o acordo é precisamente unha folla de ruta pensada para adaptar a estrutura do sistema educativo a unha dinámica de descenso da natalidade, reducindo ratios –un proceso que se completa este curso en Infantil e comeza o próximo en Primaria– e con medidas innovadoras como a ponderación de alumnos con necesidades especiais.
Ao abeiro destas melloras, “no inicio deste curso predominou a normalidade”, sinalou, con arredor de 300.000 estudantes volvendo ás aulas.