O Simposio das Letras reivindica a permanencia da obra de Begoña Caamaño
A Real Academia Galega pecha o ano de homenaxe á escritora cun simposio sobre a súa figura en Vigo
A piques de rematar o ano dedicado a Begoña Caamaño, a Real Academia Galega considera que a homenaxe á escritora no Día das Letras pode ser un punto de partida para impulsar a lectura e o estudo da súa obra.
Arredor desta idea, a RAG organizou este sábado no Marco de Vigo un simposio no que participaron unha ducia de voces, especialistas na súa obra, xunto a persoas do círculo máis próximo da narradora (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014).
A reescritura dos mitos que realizou en Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012) tiña continuidade nunha terceira novela sobre Sherezade que non chegou a ver a luz.
Porén, segundo a súa irmá Beatriz, antes de morrer traballaba nunha obra inspirada na súa bisavoa Emérita Rivera, para a que xa tiña cando menos un titulo inicial A saga sen fuga.
"A dela foi a historia de tantas mulleres silenciadas, heroínas da vida real que pasaron moitas penurias e que foron realmente o motor de moitas comunidades. O seu pai perdera canto tiñan no casino de Vigo, marchou a América e nunca máis se soubo del. A súa nai toleou e Emérita abandonou con 9 anos a aldea de Valeixe (A Caniza) para vir servir á cidade e sacar así adiante a familia. Se Begoña vivise algo máis de tempo, hoxe a nosa bisavoa seguramente estaría a acompañar a Circe, Penélope e Morgana".
Beatriz Caamaño interveu na apertura institucional do simposio canda o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, que lle agradeceu a súa colaboración durante todo o ano.
"Este simposio é unha ocasión para facer balance do que significou este ano, sempre coa idea de que coas Letras Galegas non se conclúe nada. Abrimos as portas a novas vías de coñecemento sobre Begoña Caamaño e a súa obra".
A conferencia inaugural correu a cargo da crítica literaria e biógrafa da homenaxeada María Xesús Nogueira, e a académica María López Sández fixo un balance das Letras Galegas 2026.
Nas catro mesas redondas sobre a autora participaron, ademáis da irmá, María Teresa Amado, Santiago Gutiérrez García, Lara Rozados, Víctor F. Freixanes, María Xosé Porteiro, Ana Romaní, Lucía Junquera, Ramón Nicolás e Uxía.
A cantante pechou o encontro cun concerto no que interpretou algunhas das pezas do seu último libro-disco, Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño, dedicado á súa amiga.