Nicolás Hermida, Diego Nogueira e Sara Varela, premiados no Xuventude Crea de música
O xurado recoñeceu seis obras orixinais na final celebrada na Cidade da Cultura
O lalinense Nicolás Hermida fíxose co primeiro premio polas súas pezas de escena urbana con sons de raíz galega
Imaxe cedida pola Xunta de Galicia
O certame Xuventude Crea, na súa modalidade de música, premiou seis composicións creadas por Nicolás Hermida, Diego Nogueira e Sara Varela na final celebrada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Segundo recolle a Xunta nun comunicado, o primeiro premio recaeu en Nicolás Hermida (Lalín) polas pezas 'Nº 26' e 'Daldea', que se enmarcan na "nova escena urbana galega con fondo arraigamento no artesán e nos sons de raíz galega".
O segundo galardón distinguiu a Diego Nogueira (Ponteareas) por '4.34' e 'Non queda nah', dúas obras baseadas respectivamente na exploración da polirritmia e na fusión de música tradicional galega e flamenco nun contexto xacístico.
O terceiro premio recalou en Sara Varela (Ponteceso) por 'Néboa' e 'Non ten xeito', temas que abordan a desconexión íntima nas relacións cotiás e o amor a distancia.
Os galardoados recibirán as súas distincións nunha gala final conxunta unha vez conclúan as finais das 15 especialidades que integran esta décimo sétima edición do programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que conta este ano con preto de medio milleiro de persoas inscritas.
Ao longo da súa traxectoria, ‘Xuventude Crea’ suma xa preto de 6.000 mozos e mozas participantes e 4.000 obras creativas, e repartiu preto de 700 premios por un importe total superior ao millón de euros, así como 89 mencións de honra.