O Sergas non considera volver á máscara obrigatoria pero pide sentidiño aos positivos
Sanidade lembra que ante a menor sospeita de contaxio hai que limitar os contactos e usar sempre o cubrebocas
A incidencia en maiores de 60 anos supera os 1.300 puntos
As baixas por covid-19 seguirán limitándose aos ámbitos sanitario e de coidado de vulnerables
Galicia supera hoxe os 15.000 casos activos de covid-19. Son as cifras comunicadas pero, na actual fase da pandemia, xa se sobreentende que a circulación real do virus é maior. A variante dominante en Galicia é unha subliñaxe da ómicron aínda máis contaxiosa.
"Fundamentalmente BA.5, nunha porcentaxe de case a práctica totalidade das determinacións das que se fai secuenciamento. E estamos xa falando de 800 hospitalizados, cando estabamos estabilizados nos 600 practicamente desde xaneiro", explicou o Conselleiro de Sanidade.
García Comesaña matizou que, mesmo así, hai estabilidade nos hospitais, porque se mantén que o 60 % deses ingresos son en realidade por causa distinta da covid-19.
"Temos situacións en que un paciente que ingresa por unha fractura de cadeira fáiselle unha proba e dá positivo pero non está ingresado por covid-19. Esa diferenza para nós é importante e dános unha marxe de confianza", dixo o titular de Sanidade.
"Xa non hai corentenas nin illamentos, pero si sentido común", engadiu, e a unha persoa que teña unha mínima sospeita pídeselle que actúe en consecuencia e teña a precaución de levar sempre máscara.
As baixas por covid-19 seguirán só para os ámbitos sanitarios e de coidado a vulnerables. Mentres, o Sergas fai un chamamento xeral a que poñan a 3.ª dose os que aínda non a teñen e lembra a recomendación do uso da máscara en interiores cando non haxa distancia e ventilación abondo.