O Sergas flexibiliza as restricións para os acompañantes nos hospitais
Poden alternarse dous acompañantes por paciente ingresado
Só poderá haber na habitación unha persoa por doente

O Servizo Galego de Saúde presentou este xoves a actualización do protocolo para o réxime de visitas e acompañamento nos centros sanitarios galegos, adaptándoo á situación epidemiolóxica actual da comunidade galega.
No caso das unidades de hospitalización convencionais, permitirase a presenza dunha persoa nas visitas ou acompañamento por cada un dos pacientes ingresados. As visitas serán posibles durante os horarios establecidos para ese efecto.
Así mesmo, no caso dos acompañantes autorizados (non as visitas), o acompañamento realizarase por unha persoa, que pode alternar con outra, fixándose un número máximo de dúas persoas por paciente, que se alternarán durante a estancia. En calquera caso, soamente poderá permanecer na habitación unha persoa por paciente ingresado.
De tratarse de persoas con infección activa por covid-19, permitirase o acompañamento dunha persoa por paciente, debendo acceder á habitación co equipo de protección individual acomodado para o coronavirus, ademais de prohibirse os desprazamentos a outras unidades hospitalarias ou á cafetería do centro.
.Outras das novidades que recolle o protocolo, é que no caso de que un paciente empeore e non estea acompañado nese momento, o Sergas contactará por teléfono cos acompañantes autorizados para informar do cambio producido no seu estado de saúde.
No referido a Urxencias, aqueles pacientes sen infección por covid-19, poderán estar acompañados por unha persoa en todo momento mentres que no caso de pacientes con infección activa, este acompañamento estará durante un tempo limitado durante o período de observación.
En consultas externas, no acceso aos hospitais de día ou o acceso a probas diagnósticas permitirase un acompañante por paciente, preferentemente convivente, e preferiblemente vacinado -esixirase a certificado covid-19 en hospitais de día oncohematológico e unidades de diálises-, ademais de non ser contacto nos 10 días previos cun caso positivo, e que non presente síntomas compatibles coa covid-19.
Por último, no caso dos centros de atención primaria, permitirase un acompañante por paciente, previa exhibición de certificado covid-19, e sempre que o aforo total das instalacións asegure a distancia mínima interpersoal durante todo o tempo que dure o acto asistencial.
Finalmente, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria lembra que continúan en vigor medidas e limitacións xerais, como respectar os aforos establecidos nas habitacións e outros espazos dos hospitais; estar en posesión do Certificado covid, ademais do uso continuo da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.